Mancomún

A Rede inaugura o sábado un novo Centro da Rede de Dinamización en Cambados

Xoves, 5 Febreiro 2009
RedeA Rede de Dinamización inaugura o vindeiro sábado 7 no municipio de Cambados un novo centro para a promoción das novas tecnoloxías vencelladas á sociedade da información. A aula integrarase na listaxe dos máis de cen puntos da Rede espallados por toda a xeografía galega e contará, entre outros equipamentos, con dez computadores, dúas impresoras, un escáner, cámaras web e lectores de DNI electrónicos.

A inauguración terá lugar ás 18.30 horas na sede do novo centro, localizado no Paseo da Calzada, s/n. O acto contará coa intervención da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, o xerente da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, Emilio Manuel Martínez Rivas, e o delegado de Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla.

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Cambados estará totalmente equipado para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización poida achegar á poboación as novas tecnoloxías. Para iso, disporán, concretamente, de 10 ordenadores, 6 cámaras web, 9 lectores de DNI electrónico, dúas impresoras (a cor e en branco e negro), un escáner e un canón. Todos os computadores estarán conectados mediante wifi a unha liña de datos da máxima capacidade dispoñíbel no lugar. Con este material o novo centro acollerá diversos obradoiros de índole tecnolóxica variada, como poden ser de iniciación á Internet, á Informática ou a outras ferramentas.

A dinámica de cursos, non obstante, non será nova xa que a Rede xa estaba presente en Cambados a través do Centro Comarcal do Salnés, onde ten realizado 74 obradoiros ao longo dun total de 634 horas, nos cales participaron máis de 1.950 persoas.

Todas as persoas que desexen máis información poden solicitala no teléfono 986.526.013.

Fonte: Rede de Dinamización

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal