A Rede de Dinamización da Sociedade da Información inagurou onte un novo Centro de Dinamización en Lugo, que se sitúa na Praza da Milagrosa, 7, baixo. O acto estivo presidido por Fernando Blanco, Conselleiro de Innovación e Industria. Tamén asistiron Ramón Cortés, Delegado da Consellaría na provincia de Lugo e Xosé Lois Villasante, Xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia .
O Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Lugo está totalmente equipado para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización poida achegar á poboación as Novas Tecnoloxías. O novo Centro acollerá diversos obradoiros de índole tecnolóxica variada, como poden ser de iniciación á Internet, á informática ou a outras ferramentas.
O investimento realizado pola Consellaría de Innovación e Industria para este novo centro ascendeu a 227.144 euros. Compoñen o equipamento da aula dezaoito ordenadores con lectores de DNI e cámaras web, dúas impresoras, un proxector e unha pantalla de proxección, unha cámara de fotos dixital e un escáner. A configuración do equipamento é totalmente en software libre e todos os computadores están conectados mediante wifi a unha liña de datos da máxima capacidade dispoñíbel no lugar.
Cómpre destacar que, antes da inauguración deste centro, a Rede xa estaba presente na cidade de Lugo a través da súa asociación con ASORLU (Asociación de Persoas Xordas de Lugo), coa que ten levado adiante diversas iniciativas como son, por exemplo, E-Signovisual, un dicionario virtual de termos tecnolóxicos en lingua de signos que foi premiado como mellor iniciativa tecnolóxica no VII Congreso Nacional de Telecentros.
O II Concurso de Iniciativas
Tras a inauguración entregáronse dous dos premios do II Concurso de Iniciativas. Na categoría de poboación xeral resultou gañador “Tradición dos ferreiros de Riotorto”, que levaron a cabo Vanesa Pérez Álvarez, Alejandro Rancaño Herrán, Mª del Camino Rando García, dinamizadores/ras da Rede de Dinamización que están a desenvolver o seu labor nos Concellos de Riotorto e Ribeira de Piquín. Esta iniciativa desenvolveuse entre o 2 e o 30 de maio do pasado ano e consistíu, mediante unha serie de obradoiros -búsqueda na Internet, escaneo de imaxes, gravación de audio e vídeo…- na realización dunha reportaxe/documental sobre a tradición histórica dos ferreiros en Riotorto.
Pola súa banda, na categoría de Persoas con discapacidade, o premio foi parar a “CONCIENCIA-T: Coñecendo e rachando as barreiras”, levada a cabo por María Francisca García Correa, dinamizadora que está a desenvolver o seu labor na Asociación de Persoas Xordas de Lugo, e Emilio González Carballo, dinamizador que está a desenvolver a seu labor na Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba. Levouse a cabo entre o 25 de maio e o 9 de xuño de 2008 e consistiu na creación dun espazo web adicado ás barreiras de comunicación que existen na sociedade. Como xeito de concienciación, os propios/as usuarios/as de ASORLU mostran, a través dunha montaxe visual, as barreiras máis comúns ás que se teñen que enfrontar a diario.
Fonte: Rede de Dinamización
