- Mar Pereira animou ás pemes galegas a investir en novas tecnoloxías para optimizar os seus resultados.
- A Xunta porá en marcha un Centro Demostrador TIC para que as pemes poidan acceder aos últimos produtos e servizos tecnolóxicos que melloren a súa competitividade
- AGASOL achega ao empresariado galego as vantaxes do software libre para a mellora tecnolóxica e o aforro de custes.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, inaugurou esta mañá en Santiago de Compostela as Xornadas de Difusión do Software Libre organizadas pola Asociación galega de Empresas de Software Libre (Agasol).
Durante a súa intervención, a responsable do departamento autonómico asegurou que a aposta polas novas tecnoloxías é hoxe en día “irrenunciable” e especialmente “para o tecido empresarial que a través dun uso racional das TIC poderá obter melloras substanciais na operatividade do seu día a día e na súa conta de resultados”.
Nesta liña de accións, a secretaria xeral lembrou que o Goberno galego porá en marcha no primeiro semestre de 2011 o Centro Demostrador TIC, “un espazo que se ubicará no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e no que as empresas TIC poderán mostrar de forma práctica produtos e servizos tecnolóxicos ás pemes interesadas no uso das novas tecnoloxías para que poidan mellorar a súa produtividade e competitividade”.
A responsable de Modernización puxo de manifesto “a alta capacitación coa que contan as empresas Software Libre galegas e o tecido TIC galego especializado en Software Libre ofrecendo produtos punteiros, e servizos da máis alta calidade e solvencia”, proba do mesmo foi a alta presencia galega na recente Libre Software World Conference celebrada en Málaga. A Secretaria Xeral manifestou o interese do goberno autonómico en que a comunidade galega estea presente tamén alí onde se toman as decisións e lembrou que nesta liña lévase traballando durante este ano para que a Xunta de Galicia forme parte do padroado de CENATIC no vindeiro ano 2011.
Unha vez concluída a inauguración oficial das xornadas, foi Roberto Brenlla, da empresa TEGNIX, o encargado de abrir co seu relatorio “Software Libre, solucións existosas para as pemes”.

Unha das ideas nas que incidiu durante a súa intervención é que o emprego de solucións libres na empresa permite non só que esta teña o control dos seus datos e recursos, aforrando custes senón que, algo moi importante nestes tempos de crise, contribúe a xerar riqueza na nosa comunidade, ao reverter a súa inversión nas empresas locais no canto de que marche cara a fora en forma de pago de licenzas.
Explicou tamén a importancia do asesoramento experto como unha das bases do modelo de negocio do software libre, para o que moi acertadamente, comparouno co asesoramento contable afirmando que “O plan xeral contable está dispoñible para calquera, pero normalmente as empresas prefiren confiar a súa contabilidade a un profesional, pois o mesmo acontece co software libre”
Finalmente destacou a importancia da estandarización, para o que comentou o acontecido en 1904 no devastador incendio da cidade de Baltimore, onde de nada serviron os bombeiros e recursos das cidades veciñas ao non ter unha boca de incendios con dimensións estándar. O mesmo acontece co modelo de negocio privativo, que ao non empregar estándares fainos escravos da súa solución e dificulta a intercomunicación con outras aplicacións.
O resto dos relatorios trataron de achegar solucións libres que as empresas galegas están a implantar con éxito na nosa comunidade.
Para todos aqueles que esteades interesados en asistir a estas interesantes xornadas, aínda estades a tempo de inscribirvos para as seguintes citas:
- Inscrición na xornada de Lugo 09/11/2010 10:00-14:00
- Inscrición na xornada de Coruña 11/11/2010 10:00-14:00
- Inscrición na xornada de Vigo 16/11/2010 10:00-14:00
- Inscrición na xornada de Ourense 18/11/2010 16:00-20:00
- Inscrición na xornada de Ferrol 25/11/2010 10:00-14:00
A celebración destas Xornadas inscríbese no convenio de colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.
Fonte: Xunta de Galicia
