Mancomún

A SXMIT colabora coa Universidade de Vigo para a realización dunha nova edición do máster en consultoría de software libre

Luns, 20 Xuño 2011
  • O obxectivo é a formación de profesionais para dirixir proxectos en ámbitos concretos das TIC aplicando métodos e ferramentas baseados en software libre
  • Este convenio enmárcase no Plan de Acción 2011 en materia de Software Libre e de Fontes Abertas da Xunta para promover o seu uso na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica colabora coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento dunha nova edición do Máster en Consultoría de Software Libre, organizado pola Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo e correspondente ao curso 2011-2012.

A Secretaría Xeral de Modernización achegará 15.000 euros para a realización do Máster, segundo se recolle nun convenio de colaboración asinado pola secretaria xeral, Mar Pereira, e o reitor da Universidade olívica, Salustiano Mato.

O Máster, que conta con 60 créditos e está divido en catro módulos, ten como obxectivo a formación de profesionais cun coñecemento amplo e sólido que os capacite para dirixir proxectos e levar a cabo tarefas en ámbitos concretos das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) aplicando métodos e ferramentas baseados en software libre e códigos de fontes abertas (FLOSS).
Os titulados que cursen o Máster adquirirán competencias específicas en desenvolvemento de aplicacións de software libre, en implantación de ferramentas de intelixencia de negocio, así como en consultoría, administración e xestión das TIC e seguridade e protección de datos.

Obxectivos

Os catro módulos do Máster teñen diferentes obxectivos formativos como afondar nas vantaxes e oportunidades que ofrecen os modelos de desenvolvemento de aplicacións de xestión baseados en software libre.

Tamén se abordarán os aspectos e técnicas das actividades da consultoría informática e os principais conceptos de estrutura da empresa, a función directiva, os procesos de toma de decisións, así como o establecemento da política estratéxica da empresa.

Ademais, estudaranse os principais métodos de auditoría e mellora continua en solucións TIC co fin de xestionar adecuadamente a infraestrutura tecnolóxica da organización. Outro dos obxectivos do Máster é que os alumnos adquiran as capacidades directivas necesarias para liderar e motivar adecuadamente a equipos de traballo multidisciplinares.

Este convenio forma parte das actuacións previstas no Plan de Acción FLOSS 2011 da Xunta que conta como obxectivo prioritario o impulso do uso do software libre e código de fontes abertas (Floss) no sector empresarial e na sociedade en xeral.

Fonte: SXMIT

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal