Mancomún

A tradución de Moodle ao galego supera o 85%

Mércores, 16 Setembro 2015

Logo de MoodleA semana pasada, a Oficina de Software Libre do CIXUG anunciaba que viña de facer unha das maiores contribucións á localización de Moodle á nosa lingua.

Segundo dan conta no anuncio, durante o mes de agosto enviaron un total de 14.753 cadeas (máis de 21.000 palabras) á versión estable de Moodle, a 2.9.1. Grazas a esa achega, pasouse dunha porcentaxe de tradución do 77% ao 86%, pasando así o galego a formar parte dos 30 idiomas nos que Moodle está traducido en máis dun 80%.

Dende este momento, calquera instalación de Moodle pode actualizar o paquete do Galego de xeito automático a través da plataforma de tradución que proporciona Moodle aos tradutores dos máis de 100 idiomas nos que está dispoñible. Cómpre destacar que aínda que os traballos foron remitidos á última versión de Moodle, a versión 2.9, a ferramenta de tradución fai unha propagación das cadeas cara as versións anteriores polo que as instalacións de Moodle non actualizadas tamén poderán tirar proveito deste traballo e obter unha actualización do paquete de idioma.

Moodle está sendo empregado polas 3 universidades galegas para xestionar as súas aulas virtuais:

Esta supón unha das ferramentas de maior uso por parte da comunidade universitaria. Serve como plataforma de publicación por parte do profesorado dos contidos de diferentes materias, e como xestor de recursos didácticos. De aí a importancia de contar co entorno completamente traducido á nosa lingua.

A Oficina de Software Libre do CIXUG vén traballando nos últimos anos na actualización e mantemento da tradución ao galego de Moodle, como parte das actividades que desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para o fomento do software libre no ámbito universitario, que forma parte do Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal