Mancomún

A Trasnada 12.1 celébrase o 13 de outubro en Pontevedra

Luns, 8 Outubro 2012

Cartel da Trasnada 12.1O Proxecto Trasno organiza para o vindeiro sábado día 13 de outubro unha nova edición do encontro periódico dirixido a reunir aos tradutores de software libre ao galego, que xa fai a súa quinta edición: a Trasnada 12.1, que é a segunda reunión deste ano 2012.

Nesta ocasión é a cidade de Pontevedra, no seu Pazo da Cultura, a que acolle aos trasnegos na súa xeira galega de reunións presenciais de debate e asentamento terminolóxico. Estas reunións permítenlles axilizar e consolidar o traballo de discusión terminolóxica que día a día realizan por medio da súa lista de correo sobre da nova terminoloxía que xorde no software libre e fixala. Pontevedra toma pois o relevo ás sedes das anteriores edicións celebradas en Coruña, Vigo, Ourense e Ordes.

Grazas a estas reunións presenciais teñen xa acadado o consenso da tradución ao galego de preto de 200 termos no ámbito das novas tecnoloxías (30 novos termos na Trasnada 12.0, máis de 50 acordos na Trasnada 11.1, 80 acordos na Trasnada 11.0 e 20 termos na Trasnada 10). Ademais tamén se acordaron traducións comúns para varias frases arquetipo moi empregadas na tradución.

Este asentamento terminolóxico é unha das grandes contribucións que o Proxecto Trasno achega á normalización da nosa lingua nas TIC pois supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre e por ende da súa calidade. Todos os voluntarios do Proxecto Trasno comprométense a seguir estes acordos en todas as traducións que realizan.

Dende a organización animan a asistir ao evento ou a participar no mesmo a través das redes sociais e contribuír así a esta importante tarefa.
Unha vez máis aproveitarán esta Trasnada para levar a cabo en primeiro lugar a reunión anual da Asociación Cultural Proxecto Trasno, e posteriormente dar paso á sesión de traballo para lograr acordos e planificar o futuro dos proxectos de localización nos que traballan dende o proxecto Trasno (ie., dende Debian, GNOME, KDE a LibreOffice). Como noutras ocasións, e buscando producir traducións de calidade, o tema de debate fundamental será a terminoloxía neste ámbito da tradución. Desta volta axilizaremos o proceso empregando ferramentas especializadas na xestión de glosario.

Acorde ao espírito aberto deste grupo, a Trasnada é tamén un espazo público ao que se pode achegar quen queira coñecer o proxecto ou colaborar no debate terminolóxico.

Ademais para todos aqueles interesados que non poidan asistir, teñen aínda a posibilidade de seguir o evento a través da rede, colaborando polas canles IRC do proxecto (#proxectotrasno en freenode). As novas que se vaian producindo iranse subindo aos perfís de Trasno nas redes sociais .

As presentacións empregadas subiranse ao web con posterioridade e os resultados así como os debates e acordos terminolóxicos acadados durante a trasnada.

Os horarios e outra información sobre do evento están dispoñibles na wiki da Trasnada.

Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal