A Oficina de Software Libre da USC anuncia dende a súa web o comezo da súa colaboración co equipo de desenvolvemento da distribución EpiLinux, distribución orientada á utilización de ferramentas de análise epidemiolóxica e bioestatística. O obxectivo desta unión é brindarlle aos seus respectivos usuarios unha adaptación da distribución de GNU/Linux Ubuntu que cubra as súas necesidades.
Seguindo a filosofía e espírito do software libre, de reaproveitamento, colaboración, contribución de melloras a proxectos existentes, … a nova versión de EpiLinux aproveitarase do modelo e infraestrutura que a OSL emprega para a Ubuntu-USC beneficiándose ambos proxectos da experiencia e traballos previos, evitando ademais a duplicidade de esforzos.
Esta nova versión traerá moitas novidades e ao igual que a Ubuntu-USC basearase na nova versión de Ubuntu, a 10.04, de nome en clave Lucid Lynx.
Nestes momentos ambos proxectos están inmersos no redeseño da súa imaxe (logos, cores, fondos, pantalla de inicio de sesión, …) pero como adianto, desde o proxecto EpiLinux presentan o seu novo logo.
EpiLinux é un proxecto conxunto da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, a Unidade de Bioestatística do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela e do Grupo de Investigación MTM2005-00818.
Máis información: no blogue do proxecto.
