Mancomún

A UDC acollerá a I edición Europea do ERLANG Camp en Outubro

Venres, 7 Setembro 2012

Cartel do Erlang Camp Coruña 2012Segundo nos informan dende a organización do evento, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá os vindeiros días 5 e 6 de outubro a primeira edición Europea do ERLANG CAMP Coruña 2012, un evento formativo de orientación práctica e formato intensivo que ofrece aos asistentes contacto directo con expertos mundiais na tecnoloxía emerxente Erlang/OTP.

Erlang/OTP é unha tecnoloxía innovadora cunha crecente demanda na industria do software, empregada actualmente por moitas e moi coñecidas empresas do sector a nivel internacional, con exemplos como Amazon, Facebook, Yahoo!, Motorola, Ericsson ou Nokia, e tamén nacional, como Tuenti. Erlang/OTP distribúese cunha licenza Erlang Public License (EPL) derivada da Mozilla Public License (MPL).

Os participantes no ERLANG CAMP Coruña 2012 terán a oportunidade de coñecer e empregar as potentes características de Erlang/OTP durante os dous días de duración do evento: concorrencia, tolerancia a fallos, distribución,… da man de expertos como Martin Logan (Orbitz Worldwide, coautor do libro “Erlang and OTP in action”), Eric Merrit (Sinan, coautor do libro “Erlang and OTP in action”), e Jordan Wilberding (Universidade de Georgetown).
A Universidade da Coruña organiza pois a primeira edición deste evento relacionado coa tecnoloxía Erlang/OTP que se celebra en Europa. As edicións anteriores tiveron lugar en cidades como Chicago, Boston ou San Francisco.

ERLANG CAMP Coruña 2012 é un evento formativo orientado a proporcionar aos asistentes os coñecementos e a experiencia necesarios para construír aplicacións distribuídas, altamente escalables e tolerantes a fallos en Erlang, desde cero. Trátase dunha oportunidade única, para persoas interesadas en Erlang ou neste tipo de sistemas, de ter contacto directo con expertos na construción deste tipo de sistemas, e de aprender directamente destes expertos dun xeito dinámico e interactivo.

O obxectivo do ERLANG CAMP é ensinar, polo que o formato persegue unha experiencia de aprendizaxe práctica. O programa do ERLANG CAMP inclúe 2 días intensivos con 11 sesións interactivas que os asistentes seguirán a modo de titorial práctico. Algúns dos temas máis salientables que se tratarán en profundidade no ERLANG CAMP son:

  • Conceptos fundamentais de Erlang e OTP, sen ningunha esixencia de coñecementos previos da linguaxe Erlang ou as librarías OTP, os asistentes terán a posibilidade de comezar o camiño para converterse en expertos en Erlang desde cero!
  • Distribución de sistemas Erlang, Erlang non é só unha linguaxe de programación baseada en procesos e orientada á concorrencia cun completo conxunto de librarías (OTP), é tamén unha ferramenta moi eficiente para o deseño e construción de sistemas altamente distribuídos.
  • Depuración de aplicacións Erlang, porque mesmo as máis potentes ferramentas como Erlang/OTP non poden impedir que os desenvolvedores cometan errores, os asistentes disporán dunha sesión práctica sobre como depurar as súas aplicacións concorrentes e distribuídas, para garantir a súa fiabilidade e tolerancia a fallos.
  • Construción dunha versión OTP, e instalación dunha aplicación na contorna de produción dun cliente, constitúen o derradeiro paso no ciclo de desenvolvemento!

Entre os seus poñentes, o ERLANG CAMP Coruña contará con:

  • Martin Logan, que actualmente traballa en Orbitz Worldwide -unha das compañías de viaxes on-line máis grandes do mundo-, e forma parte da comunidade Erlang desde 1999, sendo desenvolvedor Erlang a tempo completo durante moitos anos, e recentemente co-autor do famoso libro sobre Erlang e o desenvolvemento con OTP titulado "Erlang and OTP in Action";
  • Eric Merrit, experto na arquitectura, desenvolvemento e instalación de sistemas distribuídos e altamente escalables en hardware de todo tipo (desde mainframes de IBM até sistemas distribuídos con actualizacións masivas de Amazon, ou sistemas de transaccións financeiras e HFT -high-frequency trading- de famosas firmas de brokers), tamén co-autor do coñecido libro “Erlang and OTP in Action”, desenvolvedor Erlang de longa traxectoria e principal creador da ferramenta Sinan para Erlang; e
  • Jordan Wilberding, membro do Laboratorio de Recuperación da Información da Universidade de Georgetown e Director Técnico de Wingman, unha startup que emprega Erlang como soporte dun sistema de pagos internacionais a través de móbil, e un dos principais contribuidores ao proxecto Erlware.

Sobre ERLANG

ERLANG é unha linguaxe de programación creada en 1986 por Joe Armstrong, como ferramenta interna en Ericsson. En 1998, a compañía decidiu distribuíla como código aberto, e naceu a comunidade Erlang.

Como linguaxe, Erlang foi deseñada co obxectivo de mellorar o desenvolvemento das aplicacións de telefonía, é dicir, para dar soporte a aplicacións distribuídas de tempo real, tolerantes a fallos, e que estaban en constante funcionamento. Por iso, Erlang proporciona características como o cambio de código en quente (é dicir, a actualización do software sen deter nin reiniciar o sistema). Ese mesmo ano, en 1998, o switch AXD301 de Ericsson que saíu ao mercado levaba un millón de liñas de código Erlang, e garantía unha fiabilidade de “nove noves”, o que significa que garantía estar en funcionamento o 99’999999999% do tempo, ou doutro xeito, que deixaba de dar servizo por mor de errores no software durante un máximo de 31 milisegundos ao ano.

Coa popularización de internet, os servizos web e as aplicacións on-line, Erlang está a experimentar un grande incremento no número de desenvolvedores e compañías de todos os tamaños que empregan esta linguaxe e as súas librarías (coñecidas como OTP -Open Telecom Platform-) para construíren os seus produtos e dotalos de características de robustez, fiabilidade, e dispoñibilidade que os seus clientes demandan, incrementando a súa competitividade.

Así, a pesares de que a tecnoloxía Erlang naceu nos oitenta, non foi até a popularización dos servizos web e o conseguinte incremento exponencial na demanda de desenvolvedores con habilidades para construír e manter sistemas altamente concorrentes, distribuídos e dispoñibles 24 horas ao día, 7 días á semana, cando esta tecnoloxía chegou finalmente á industria de xeito rotundo. Hoxe, son moitas as empresas, de todos os tamaños e segmentos de negocio, as que están a investir nesta potente ferramenta.

ERLANG úsase a día de hoxe en destacados proxectos de coñecidas empresas internacionais:

  • Amazon emprega Erlang na implementación de SimpleDB, coa que ofrece servizos de almacenamento de datos como parte da Amazon Elastic Compute Cloud (EC2);
  • Facebook emprega Erlang na implementación do seu servizo de mensaxería, que dá soporte a máis de 100 millóns de usuarios activos cada día; o mesmo ocorre coa española Tuenti.
  • Yahoo! emprega Erlang na implementación do seu servizo de marcadores, Delicious, que ten máis de 5 millóns de usuarios.

Apoio institucional e patrocinadores

ERLANG CAMP Coruña 2012 conta co patrocino e o apoio institucional de ERLWARE e a Universidade da Coruña, con especial apoio da Facultade de Informática e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (CITIC).

Para obter máis información sobre o evento a persoa de contacto é Laura Castro a través do e-mail lcastro at udc . es ou no teléfono +34 668 842 993

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal