Mancomún

A Universidad de Murcia publica un informe sobre campus virtuais de software libre nas universidades españolas

Martes, 7 Xullo 2009

Mapa campus virtuaisPara os que puider serlles de interese a información que Mancomún recollía días atrás sobre sistemas de educación en liña libres e gratuítos, hoxe facémonos eco da publicación dun informe sobre campus virtuais de software libre nas universidades españolas. Este documento, elaborado polo Grupo de Investigación de Tecnología Educativa da Universidad de Murcia, ten como obxectivo achegar a realidade dos campus virtuais de software libre empregados nas institucións académicas españolas.

Segundo explican os responsábeis do proxecto, o contexto do ensino superior en España produciu nos últimos anos un movemento significativo en canto ás ferramentas de campus virtual que se viñan empregando, existindo na actualidade un gran número que apoian as tecnoloxías libres.

O informe recolle esta idea nun mapa interactivo web, no que, ademais, está referenciada -por diferentes criterios de busca- a plataforma utilizada por cada universidade española. Por outra banda, o proxecto afonda nas razóns que xustificaron a escolla en cada unha das institucións e analiza detalladamente as distintas ferramentas, cun traballo comparativo desde o punto de vista pedagóxico.
O mapa, así como toda a información presentada na web, é froito do traballo desenvolvido no marco do proxecto de investigación “Plataformas de campus virtual con ferramentas de software libre: análise comparativa da situación actual nas universidades españolas” financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través da convocatoria para la subvención de accións con cargo ao programa de Estudo e Análise (referencia EA2008-0257), destinadas á mellora da calidade do ensino superior e da actividade do profesorado universitario no ano 2008.

Fonte: Universidad de Murcia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal