Mancomún

A Universidad Rey Juan Carlos presenta un aplicativo libre para móbiles que permite "etiquetar virtualmente" o mundo real

Venres, 7 Agosto 2009

O usuario dunha rede social pode así almacenar información vinculada a un lugar concreto e que outra persoa poida lela

O grupo GsyC/Libresoft da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid liberou LibreGeoSocial (LGS), un aplicativo libre para os teléfonos móbiles instalados co sistema operativo de fontes abertas de Google, Android. LibreGeoSocial ten como obxectivo “etiquetar virtualmente” obxectos reais, de xeito que calquera persoa que pase preto deste poida ler esta información.

En definitiva, trátase dun xestor de contidos xeorreferenciados multimedia, que permite ao usuario dunha rede social almacenar información (texto, fotos, vídeo, audio, etc.) vencellada a un lugar en concreto. Ademais, dispón dunha interface de realidade aumentada, que permite que, cando o usuario apunta co móbil cara a un obxecto previamente etiquetado, lle aparece na pantalla o indicativo que a outra persoa "deixou" alí.

Pedro de las Heras Quirós, membro do grupo GSyC/Libresoft e investigador do proxecto explica que "resulta unha experiencia moito máis rica que a dunha rede social tradicional porque os sensores de medición do campo magnético dos novos móbiles permiten saber non só onde está o móbil senón ademais cara a onde está orientado".
"Os módulos de realidade aumentada e xeorreferenciación de LibreGeoSocial permítenlles aos usuarios das redes sociais que saíron á rúa interaccionar non só co mundo virtual, senón tamén co mundo real", engadiu o investigador. Isto abre un amplo abano de utilidades: guías turísticas, sistemas de participación cidadá, redes sociais para persoas con dependencia e m-learning (mobile learning, en inglés), apuntou.

Buscador semántico

Así mesmo, LibreGeoSocial presenta a vantaxe de dispoñer dun buscador semántico. Con isto, os nodos da rede social (contidos multimedia, persoas, eventos, etc.) son procesados mediante un sistema de algoritmos de agrupamento para inferir relacións non explícitas entre eles, o que lles permite aos usuarios descubrir a outros usuarios ou contidos na rede que lles sexan afíns malia pertencer a comunidades diferentes dentro da rede social. Desta forma, un usuario podería xerar un criterio de procura para atopar a outro usuario que frecuente os seus mesmos lugares ou teña afeccións parecidas, puxo como exemplo o equipo desenvolvedor.

LibreGeoSocial componse dun servidor e dun aplicativo cliente para o móbil. O servidor está implementado na linguaxe de programación Python. O aplicativo para o cliente está programada na linguaxe Java. Todo o código fonte do servidor e do cliente de LibreGeoSocial publicáronse como software libre. O aplicativo cliente tamén estará dispoñíbel en breve a través do mercado de aplicativos Android Market, listo para ser descargado e executado nos teléfonos Android que venden en España as principais operadoras de telefonía móbil.

Aplicativos móbiles con etiqueta galega

A pasada semana anunciabamos tamén un proxecto para móbiles desenvolvido por Alexandre González, membro activo da comunidade galega de software libre como integrante de Agnix e da Asociación Rianxo sen Cabos, xunto cun compañeiro da Facultad de Informática da Universidad Pontificia de Salamanca na que estuda -Ignacio Gutierrez-. Baixo o nome de Mirblu, como bautizaron a súa empresa, tentará comercializar un aplicativo para teléfonos móbiles baseado en código aberto. Este proxecto, aloxado na Forxa de Mancomún– sen actualizar aínda os paquetes- permítelle ao usuario guiarse dentro dun edificio, do mesmo modo que o fai un GPS no exterior.

Fonte: Cenatic

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal