Mancomún

A Universidade de Almería crea un videoxogo para detectar condutas vencelladas a trastornos mentais

Martes, 18 Novembro 2008

O programa foi elaborado coa aplicación libre de animación en 3D, Blender

Investigadores da Universidade de Almería traballan no desenvolvemento dun simulador en tres dimensións co que se poderá detectar futuras condutas relacionadas co consumo de sustancias, trastornos mentais e acoso escolar no ámbito educativo. Con esta finalidade constituíuse un equipo multidisciplinar, dirixido por Adolfo Javier Cangas, no que colaboran membros da Unidade en Enxeñaría en Computación Gráfica do grupo de investigación en Informática Aplicada (dirixido por Luís Iribarne) e diferentes especialistas da psicoloxía e a psiquiatría.

Para iso os expertos da UAL desenvolveron un programa de computador que recrea diferentes conflitos presentes nos centros educativos e algunhas situacións dos lugares de lecer e o ámbito familiar. Os participantes deben seleccionar entre diferentes alternativas a que representa mellor a súa forma habitual de comportarse. O obxectivo é atopar como reaccionan os mozos ante este tipo de situacións e se as están vivindo ou non.

Como destaca Adolfo Cangas, “as novas tecnoloxías ofrecen un novo campo de traballo no ámbito da avaliación con adolescentes xa que, por unha banda, estes están moi familiarizados co seu uso (o que fai que sexa un instrumento moi próximo para eles) e, por outro, a simulación a través do computador é un medio moi versátil que permite recrear con gran realismo múltiples escenarios” é así como facilita aos novos achegarse dun modo realista a este tipo de situacións, o que mellora a fiabilidade e validez das súas respostas.

O proxecto, financiado polo Ministerio de Sanidade e Consumo, iniciouse a principio de novembro de 2007 e na actualidade recreáronse dez dos quince escenarios que comporá finalmente o programa informático, que terá unha duración aproximada de vinte e cinco minutos. Posúe unha versión en función do xénero e, cando estea finalizado, preténdese aplicalo a uns tres mil escolares de diferentes centros educativos. Na súa elaboración utilizouse o programa de software libre BLENDER, facilitando con isto que o simulador 3D poida ser utilizado en calquera tipo de computador e sistema operativo.

 
Fonte: Cibersur.com
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal