Mancomún

A Universidade de Sevilla acollerá a terceira edición do Concurso Universitario de Software Libre

Martes, 28 Abril 2009

Concurso Universittario de Software LibreA Universidade de Sevilla acollerá a fase final da terceira edición do Concurso Universitario de Software Libre durante os días 7 e 8 de maio, que terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática. Esta etapa enmarcarase dentro dun ciclo de relatorios, que servirán de punto de encontro para todos aqueles que fixeron posíbel esta terceira edición e a cal se pechará coa entrega de premios aos proxectos galardoados.

Durante estes días, terán especial protagonismo os proxectos finalistas que foron seleccionados por un comité de expertos pertencentes ao mundo docente e industria das tecnoloxías da información.

O III Concurso Universitario de Software Libre é un concurso de desenvolvemento de software, hardware e documentación técnica libre, no que participaron estudantes universitarios de primeiro e segundo ciclo do ámbito estatal español e que tivo lugar durante o curso 2008/2009. Esta edición contou con 110 proxectos e un total de 168 estudantes participantes.
O terceiro Concurso Universitario de Software Libre foi posíbel grazas ao apoio do Centro Nacional de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CENATIC) en calidade de patrocinador principal do evento, así como da Consellería de Innovación, Ciencia e Empresa da Xunta de Andalucía, a IAVANTE, e ao Grupo de Usuarios de GNU/Linux de Madrid Sur (GUGMS), que mostraron un ano máis o seu apoio fundamental e compromiso cunha actividade de promoción do Software Libre na contorna formativa e educativa universitaria.

Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con SwL en Galiza

Na mesma liña organízase tamén en Galiza o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre en Galiza.

Este galardón, organizado pola empresa galega Igalia co respaldo da Consellaría de Innovación e Industria, a través de Mancomún, así como das tres universidades galegas, réxese sobre os mesmo principios que o Concurso Universitario de Software Libre pero restrinxindo a súa participación a proxectos de fin de carreira e do ámbito galego.

Ao longo das dúas edicións celebradas, a Forxa de Mancomún foi o punto de confluencia de todos os proxectos presentados.

Fonte: Prensa Concurso Universitario de Software Libre

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal