Mancomún

A Universidade de Zaragoza crea un repositorio dixital para difundir con SwL todos os seus estudos

Martes, 13 Xaneiro 2009
A Universidade de Zaragoza acaba de presentar Zaguán, un almacén dixital para preservar a súa produción científica e difundila en software libre a través da rede. A idea consiste en dixitalizar as teses, as publicacións do persoal investigador e todo o Fondo Antigo da biblioteca co propósito de abrir o coñecemento desta documentación e divulgala sen restricións entre a comunidade científica. Até o momento, uns 2000 documentos están xa accesíbeis, pero este número irase incrementando paulatinamente.

A iniciativa, posta en marcha desde novembro, foi presentada este luns polo vicerreitor de Investigación da Universidade de Zaragoza, José Ramón Beltrán, quen salientou as posibilidades de preservación e difusión que ofrece este sistema.

O sistema Zaguán cumpre os requisitos e protocolos da Unión Europea para que as fichas e ligazóns relativas a este fondo dixital poidan viaxar pola rede, xunto cos procedentes doutras universidades, mediante portais ou colectores temáticos europeos. Para iso, este almacén adoptou un sistema de código aberto, potente e rápido, deseñado polo Centro Europeo da Investigación Nuclear (CERN), que permite un acceso libre e inmediato ao documento dixital.

“O que facemos é un servidor cun buscador moi avanzado e conectado a outros servidores. Aquí todo o que se publique vai ter directamente unha repercusión noutros servidores web e así a toda a información que publique a comunidade investigadora poderá ser consultada pola xente sen necesidade de que coñezan a Universidade de Zaragoza”, aclarou a coordinadora da Unidade Informática da Biblioteca, Teresa Muñoz.

Até o momento, o fondo dixital conta con 982 libros e informes dixitalizados, 44 teses e 850 documentos do Fondo Antigo. O director da Biblioteca da Universidade, Ramón Abad, valorou o apoio económico que se recibiu tanto por parte do Ministerio de Cultura como da DGA para desenvolver este proxecto, que cualificou como “un traballo de moitos anos”. “O proxecto de dixitalización iniciouse en 2001. Xa levamos 423.000 páxinas dixitalizadas, pero aínda queda moito traballo e bastantes anos até actualizar os 40.000 volumes que o compoñen”, apunta.

Fonte: El periódico de Aragón

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal