A Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria, inaugura na véspera do Día Internacional do Software Libre a Oficina de Software Libre da USC, unha das tres oficinas que existirán nas universidades galegas como resultado do convenio asinado no pasado mes de maio.
Ao longo do vindeiro ano académico, e con vontade de continuidade, a oficina desenvolverá tarefas de formación, asesoramento e implantación do Software Libre na universidade: conferencias, xornadas, unha análise do estado do software na universidade, guías de boas prácticas e de uso de estándares de comunicación abertos e libres serán algunhas das actividades levadas a cabo.
A apertura deste servizo para a comunidade universitaria compostelana afonda nos compromisos da administración galega co Software Libre, xa materializados en anos anteriores en proxectos de tradución, colaboracións con asociacións de usuarios ou a creación do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún.
Para a Universidade, este movemento representa un paso na dirección dunha maior autonomía dos provedores tradicionais de software, así como a adopción dunhas tecnoloxías máis abertas, accesibles e estandarizadas. Para profesores, investigadores, persoal administrativo e alumnos significará a posibilidade de ter software traducido ao seu idioma, adaptado ás suas necesidades e que, como valor engadido, poderán levar canda si e empregar noutros ámbitos persoais ou profesionais.
O Software Libre
Baixo o nome de “Software Libre” atopamos aplicacións que poden ser copiadas,modificadas e adaptadas libremente. Axilidade de desenvolvemento, transparencia no que fan os programas, eficiencia económica e autonomía para usuarios e desenvolvedores son os argumentos que dan os defensores deste modelo, que describen como “tecnicamente viable, economicamente sostible e socialmente xusto”.
Exemplos de éxito de aplicacións libres son a suite de ofimática OpenOffice.org ou o navegador Mozilla Firefox, cuxa versión 3.0, recentemente liberada, ven de establecer o record mundial do programa máis descargado. GNU/Linux, o sistema operativo libre máis popular, é empregado regularmente por millóns de persoas nos seus ordenadores, así como por entes como a NASA, no acelerador de partículas do CERN ou nos supercomputadores máis potentes do mundo.
Nos últimos anos, o software libre está a vivir un auxe a nivel mundial, con administracións, empresas, asociacións e particulares de todos os continentes interesados nel e nas súas posibilidades. No caso galego pódese falar dunha auténtica idade dourada, con máis de dez asociacións de voluntarios adicadas á súa promoción, un crecente número de empresas que o empregan ou basean o seu modelo de traballo nel e unha paulatina introdución no ensino medio e superior e na administración.
