A contorna de escritorio KDE Plasma liberou a súa versión 5.19. Esta nova versión é outro paso máis por parte dos desenvolvedores do proxecto de avanzar sobre todo en cuestións de optimización e mellora do código así como correccións de erros e tamén mellorar aspectos como a facilidade de uso e a aparencia do entorno.
Dentro destas melloras de código e optimización están as que fan que Plasma funcione mellor e teña máis estabilidade cando se use co moderno protocolo de servidor gráfico Wayland, aínda que a día de hoxe Plasma segue comportándose mellor usando outros baseados no tradicional servidor de gráficos X, como X.Org.
Pese a ser unha versión que ten como cerna esa mellora do código, tamén ten unha serie de novidades interesantes que se destacan a continuación:
- Na aplicación de xestión de paquetes ou tenda de software chamada Discover agora xa é posible eliminar os repositorios de Flatpak dun xeito máis doado e outras melloras na aplicación que mostran máis e mellor información sobre o software.
- A reescritura por completo do código do Widget do monitor do sistema. Os Widgets son os elementos gráficos que podemos incrustar no escritorio ou nos paneis e que teñen diversas funcionalidades como mostrar o prognóstico do tempo, controlar dende eles certas configuracións, ensinar datos ou información do sistema, ou como é o caso do que melloraron monitorizar parámetros do sistema.
- Melloras gráficas de diversos elementos visuais, temas, novos fondos de pantalla e unha mellor integración coas aplicacións que utilicen as bibliotecas GTK.
Pódese ver toda a información sobre as novidades de KDE Plasma nesta ligazón.
Así mesmo, dende a comunidade KDE, tamén anunciaron as novidades nas que están traballando e que previsiblemente sairán á luz na versión 5.20. Entre estas novidades atópanse melloras do visor de documentos Okular como a da barra de anotacións, que a fará máis doada de usar, o funcionamento do botón do medio do rato cando se usa Wayland, unha mellora na utilidade de terminal Konsole, que mostrará previsualizacións de imaxes cando se pase o cursor do rato por riba dos nomes de ficheiros de imaxes e melloras tamén no control do volume permitindo o control directo do balance dos altofalantes de forma individual.
