Mancomún

A VII Guadec Hispana presenta o seu programa e abre o prazo de inscrición

Venres, 2 Xullo 2010

VII Gaudec Hispana Como xa anunciamos no seu día, a VII Guadec Hispana terá lugar na Coruña os vindeiros días 22 e 23 de xullo, cita obrigada para todos aqueles interesados en coñecer as últimas novidades sobre o proxecto GNOME.

Para asistir a este congreso é imprescindible inscribirse previamente a través do formulario de rexistro habilitado ao efecto na web da VII Guadec. A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o vindeiro día 18 de xullo, e dado que as prazas son limitadas dende a organización aconsellan darse presa en enviar a solicitude para non quedar sen praza.

Unha vez rematado o prazo de remisión de propostas e valoradas as mesmas, dende a organización publican o programa completo de relatorios, obradoiros e actividades para os dous días do congreso, pendente de pechar tan só o horario e distribución das mesmas. Este ano inclúe moitos temas de interese para coñecer como comezar a colaborar cunha comunidade de software libre como GNOME e moitas das últimas novidades do proxecto como a súa aplicación a tecnoloxías móbiles, estudos sobre a comunidade, melloras en accesibilidade, implicacións dos novos navegadores, soporte dos sistemas multitouch, etc

A continuación incluímos unha breve descrición do contido de cada un dos relatorios aceptados e incluídos no programa:

  • Obradoiro: Introdución a GNOME 2.30, Óscar García Amor, GPUL
Introdución práctica á configuración e utilización dos principais aplicativos de GNOME (correo, mensaxería instantánea, redes sociais, etc.) e repaso a todas as posibilidades que ofrece GNOME como escritorio.
  • Relatorio:A evolución de GNOME: Quen escribe GNOME?, Germán Póo-Caamaño, GNOME Foundation
Analizaranse diversos datos sobre o proxecto GNOME amosando a evolución dos seus números dende diferentes puntos de vista: unha selección de módulos independentes, suites relacionadas (plataforma GNOME e Escritorio GNOME), tipo de contribucións (código, documentación para o usuario final, documentación para o desenvolvedor …), evolución dos desenvolvedores principais, impacto do cambio nas ferramentas…
  • Relatorio: Estado actual da Fundación GNOME, Germán Póo-Caamaño, GNOME Foundation
Presentación da Fundación GNOME desde xullo de 2009 incluíndo as actividades realizadas no último ano, os problemas presentados, os desafíos que se vislumbran e as oportunidades de colaboración. Posterior discusión do futuro do proxecto a partir dos intereses da comunidade hispana.
  • Relatorio: Accesibilidade en GNOME: funcionamento, estado actual e futuro en GNOME 3.0", Alejandro Piñeiro Iglesias , Igalia
Introdución á infraestrutura de accesibilidade de GNOME, explicando o seu estado actual e os retos aos que se enfronta ante o incipiente GNOME 3.0
  • Relatorio: GNOME 3 para desenvolvedores, Carlos Garcia Campos, GNOME Hispano
Esta charla tratará de presentar as novas tecnoloxías que a plataforma GNOME 3.0 ofrece aos desenvolvedores pero tamén todas as que se eliminan, xa que GNOME 3.0 supón unha limpeza a fondo de todo o que foi quedando obsoleto.
  • Relatorio: Avaliando GNOME, Juanjo Marin, Junta de Andalucía
Exporase unha análise DAFO (Debilidades, Oportunidades, Fortalezas e Amenazas) do proxecto GNOME para estudar a situación competitiva de GNOME no panorama tecnolóxico actual. Isto permitirá establecer unha planificación estratéxica adecuada para a consecución dos obxectivos do proxecto.
  • Relatorio:: GeoClue: Framework para o soporte de Xeolocalización, Javier Fernández García-Boente, Igalia
O proxecto GeoClue intenta integrar todas as formas de obtención da posición xeográfica dun usuario; GPS, datos da conexión a internet usada, identificación da rede móbil actual, redes socias de Xeolocalización, … para proporcionar, con distintos niveles de precisión, a información necesaria para alimentar os servizos de Xeolocalización de aplicativos específicos, no móbil, en e-books, tablets ou aplicativos de escritorio.
  • Relatorio: GDigicam, Antía Puentes Felpeto, Igalia
GDigicam é unha biblioteca de Maemo 5 relacionada coa toma de fotografías e gravación de vídeo en cámaras dixitais. O seu obxectivo é facilitar a inicialización e manexo dos compoñentes software que implementan características de vídeo e fotografía ocultando a tecnoloxía empregada nas capas inferiores.
  • Relatorio: Gtranslator: Camiñando cara a versión 2.0, Pablo Sanxiao, Ghandalf
Repaso ás melloras introducidas en gtranslator para a nova versión 2.0, tanto no referente a funcionalidade como á súa arquitectura. Exporanse tamén as posibles liñas de traballo futuro sobre novas funcionalidades e a súa integración en GNOME 3.0.
  • Relatorio: Multitouch nos teus apps, Carlos Garnacho, Lanedo
Amosaranse os últimos avances no campo dos novos paradigmas de interacción cos aplicativos aparecidos coa chegada de Xorg 7.5. Amosará as novas APIs de GTK+ 3.0 necesarias para implementar tanto interfaces colaborativas como interfaces multitouch.
  • Relatorio:"WebKit & GNOME: I want to believe!", Mario Sanchez Prada, Igalia
Análise da situación actual e das perspectivas futuras do motor de renderizado web WebKit dentro da plataforma GNOME. Exporanse algúns dos avances e desenvolvementos máis importantes realizados nos últimos meses arredor de WebKit e WebKitGtk+, e as perspectivas de futuro destes compoñentes. Daranse nocións introdutorias, algúns exemplos, casos de uso e curiosidades que axuden aínda máis a visualizar o porque da gran importancia coa que conta esta tecnoloxía na actualidade.
  • Obradoiro/ Relatorio:Como comezar a colaborar en GNOME, Javier Jardón, GNOME Foundation
Presentaranse as distintas posibilidades de colaboración con GNOME, dirixidas sobre todo ás persoas que queiran comezar a súa colaboración co proxecto e non saben como facelo, comezando por presentar como está dividido o proxecto e os distintos campos nos que se pode colaborar: Probas, desenvolvemento, documentación, tradución, usabilidade …
  • Relatorio: GRILO: Facilitando a integración do contido multimedia nos aplicativos , Xabier Rodríguez Calvar, Igalia
Grilo, é un framework coas características necesarias para a integración de distintas fontes de información nos aplicativos multimedia. É unha API de alto nivel, que reduce a curva de aprendizaxe e o esforzo de implementación así como as necesidades de mantemento. Está baseada en plugins e actualmente define varias APIs, como navegación, busca, consulta e recuperación de metadatos.

Os plugins implementados a día de hoxe son: Youtube, Vimeo, Jamendo, Apple Trailers, Flickr, Podcasts,SHOUTCast, UPnP, Bookmarks, Filesystem, Last.fm album art e Metadata store.

  • Obradoiro/ Relatorio: Git it done! Introdución ao control de versións con git", Mario Sanchez Prada, Igalia
Introdución ás nocións básicas de uso do sistema de control de versións distribuído Git. Presentación de exemplos prácticos de uso diario para explicar o porque resulta unha ferramenta tan potente e sinxela e útil de usar logo de vencer a barreira inicial.
  • Relatorio: JaMp – Un cliente para Jamendo, Simón Pena, Alumno do Máster Software Libre
JaMp nace como exercicio do módulo de desenvolvemento do Máster en Software Libre que organizan conxuntamente Igalia e o grupo Libresoft da Universidade Rei Juan Carlos. Trátase dun cliente para Jamendo, a comunidade de música libre, legal e ilimitada, publicada baixo licenzas Creative Commons.
  • Relatorio: Sesión espiritista: Epiphany en GNOME 3.0, Diego Escalante Urrelo, GNOME
Presentación sobre os posibles plans dos desenvolvedores de Epiphany para a versión 3.0 do escritorio: cambios do último año e que cousas se poden agardar para a seguinte versión. Analizarase tamén o status quo dos navegadores en Linux e onde encaixa Epiphany neles.
  • Obradoiro: Como ser hacker e ir á universidade sen morrer no intento, Diego Escalante Urrelo, GNOME
Ser usuario de Linux é en moitas ocasións un problema ante amigos que non o son, e a universidade non é unha excepción: raros programas que piden los profesores, formatos de documento
  • Relatorio: Vala, unha linguaxe para Gnome 3.0, Roberto Majadas, OpenShine
Vala é unha nova linguaxe de programación que pretende funcionalidades semellantes ás ofrecidas por outras linguaxes sen perder de vista a súa perfecta integración coa plataforma GNOME, sen requirimentos adicionais como unha máquina virtual e con compatibilidade ABI co resto das bibliotecas escritas en C. Ten unha sintaxe semellante a C# modificada para encaixar co sistema de obxectos ofrecido por GLib e GObject.
  • Relatorio: OCRFeeder, Joaquim Rocha, Igalia
OCRFeeder é un sistema de análise de estruturas de documentos e de recoñecemento óptico de caracteres. Este aplicativo fai unha segmentación dos contido facendo OCR e distinguindo entre gráficos e texto. O resultado pode ser xerado en varios formatos, sendo un deles o estándae ODT.
Grazas á súa interface gráfica GTK, é posible corrixir os caracteres non recoñecidos, definir e corrixir as caixas de contidos, asignar estilos de parágrafos, limpar as imaxe introducidas, importar PDF, gravar e cargar o proxecto, exportar a múltiples formatos …
Explicarase o funcionamento interno do aplicativo e farase unha demostración do mesmo.

Fonte: GPUL

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal