Mancomún

A web do PEGSI culmina con éxito a súa migración a Typo3

Mércores, 7 Xaneiro 2009
O equipo de desenvolvemento web do OGSI rematou coa migración a software libre do portal da Estratexia Galega da Sociedade da Información

Typo3O equipo de desenvolvemento web do OGSI rematou nas últimas semanas coa migración a software libre do portal da Estratexia Galega da Sociedade da Información (sociedadedainformacion.eu), segundo anunciaron hoxe fontes da entidade. Este proceso consistiu en reproducir e mellorar o portal existente utilizando Typo3, unha avanzada ferramenta de xestión de contidos (CMS ) en código aberto.

Typo3 permite realizar sitios web con estrutura multinivel, motor de procura, xestión de autoría, mecanismo de xestión de modelos para maquetación, personalización de páxinas segundo a identidade do usuario. É unha ferramenta enteiramente extensible mediante un elevado número de módulos que fai dela unha das máis importantes na súa categoría.

O portal do PEGSI foi realizado na súa totalidade en software libre, seguindo os pasos doutras webs impulsadas desde a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información como Observatorio Galego da Sociedade da Información, ByGalicia ou Galiciapms que xa foron realizadas con Typo3 e empregan esta aplicación libre para a xestión diaria dos seus contidos. A nova web do PEGSI incorpora entre outras melloras un potente buscador que é unha das súas achegas orixinais a este desenvolvemento colaborativo.

Estes traballos obedecen a unha estratexia de racionalización da Consellaría de Innovación e Industria axeitar as súas webs aos estándares abertos traballando cara á independencia tecnolóxica. Unha política interna da Consellaría que pretende cumprir coas directrices ditadas no propio PEGSI e no marco europeo de interoperabilidade.

O uso do software libre nas webs da Xunta supón un importante aforro de cartos, así como un reforzo da seguridade, ao tempo que ofrece un medio facilitador para a normalización do galego no ámbito tecnolóxico. A aposta da Administración pública por este tipo de sóftware, pode supoñer ademais, unha oportunidade para o desenvolvemento dun tecido empresarial aínda emerxente en Galiza.

Coa vontade de avanzar na estratexia de incorporación do software libre na Administración, o PEGSI activou nos últimos anos, a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, o desenvolvemento de ferramentas ofimáticas en galego así como a implantación de solucións baseadas en código aberto a nivel de servidor. Ademais destas medidas a Xunta xa introduciu outros mecanismos de promoción, como é a valoración deste tipo de software nos concursos públicos.

O obxectivo estratéxico destas actuacións é a implantación e desenvolvemento, a medio prazo, de auténticos servizos públicos electrónicos baseados en plataformas tecnolóxicas de código aberto que permitan á Administración pública galega presentarse de xeito integrado ante o cidadán, asumindo e desenvolvendo novos modelos de administración centrados nas persoas.

Fonte: OGSI
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal