O pasado día 12 de agosto, a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo publicou os pregos de condicións relativos á contratación e mantemento da páxina web do Xacobeo 2010. No prego de especificacións técnicas, no apartado de contorno tecnolóxico se especifican os seguintes requirimentos técnicos:
A páxina web débese desenvolver empregando software libre, utilizando unha das plataformas de código aberto Drupal ou WordPress. Esta plataforma instalarase nun servidor con Apache e co servidor de bases de datos MySQL.
Así mesmo, tamén se especifica que a páxina debe ser compatíbel cos navegadores máis estendidos, como o Internet Explorer, Mozilla Firefox, Safari e Google Chrome.
Drupal é un paquete de software libre que lle permite a unha persoa ou comunidade de usuarios publicar, xestionar e organizar unha ampla variedade de contido nunha web. É un dos xestores de contidos máis coñecidos e empregados. Existen traducións ao galego para as súas versións 5.0 e 4.6, grazas a Fran Diéguez, Grupo de usuarios de Linux da Galiza, e ó proxecto Trisquel.
WordPress, pola súa banda, é unha plataforma de publicación enfocada á estética, os estándares web e a usabilidade. É, case con total probabilidade, o sistema libre de publicación máis empregado para crear blogs a nivel mundial. Atópase traducido ao galego ata a súa versión 2.7.1, grazas ao traballo de Tagen Ata.
O prazo para a presentación de propostas para este prego está aberto ata o día 8 de setembro. As condicións pódense consultar dende esta ligazón.
