- A nova versión de Ekiga incorpora melloras impulsada pola Xunta de Galicia.
- AGASOL desenvolveu unha nova funcionalidade no Ekiga que permite amosar dous canais multimedia simultaneamente, o escritorio e o vídeo do docente.
- Grazas a este desenvolvemento todas as aulas da rede CeMIT poderán acceder aos cursos por videoconferencia a través de Ekiga.
Os desenvolvedores do software de videoconferencia libre Ekiga veñen de anunciar a pasada semana a nova versión 4.0.1. Esta versión inclúe desenvolvementos e melloras impulsados por parte da Amtega durante o ano 2012 para a súa implantación nas aulas da rede CeMIT.
Co obxectivo de achegar a videoconferencia por software a aquelas aulas que non están dotadas con equipos dedicados de videoconferencia, a Amtega, contou coa colaboración de AGASOL, quen a través da empresa Igalia desenvolveu novas funcionalidades para adecuar Ekiga a estas necesidades docentes das aulas. Grazas a este desenvolvemento, e coa incorporación de Ekiga durante o 2013 como software base no equipamento da rede CeMIT será posible que todas as aulas poidan contar coa funcionalidade de acceder a cursos por videoconferencia.
Dende un punto de vista máis técnico, o traballo desenvolvido por AGASOL para a Amtega, consistiu en incorporar no software Ekiga soporte do protocolo H.239 de forma que fose posible transmitir os datos multimedia de forma simultánea co vídeo remoto. É dicir, permite ver a imaxe do escritorio do ordenador do docente simultaneamente ao vídeo da imaxe do profesor captada pola cámara dos equipamentos de videoconferencia.
O software Ekiga ata esta versión permitía realizar chamadas de vídeo e voz empregando os protocolos SIP e H.323, tecnoloxías que están a ser empregadas na actualidade nas aulas da rede CeMIT que dispoñen de equipamento de videoconferencia.
No desenvolvemento desta nova funcionalidade aproveitouse para mellorar o soporte de Ekiga para a interacción cos servizos H.323 Gatekeeper existentes na infraestrutura corporativa da Xunta de Galicia. Estes servizos realizan a tradución entre direccións IP e os identificadores da telefonía IP.
Todos os desenvolvementos realizados están xa incorporados na versión de desenvolvemento pública do proxecto, estando os relativos ao soporte de H.239 e mellora do soporte de Gatekeepers incorporados xa na última versión estable 4.0.1. En futuras versións estables incluíranse as melloras de usabilidade de H.239 que xa se atopan dispoñibles nas versións de desenvolvemento e na implantada en CeMIT.
As modificacións incorporadas no código fonte que se despregará nas aulas CeMIT pódese consultar no git do proxecto aloxado no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia baixo a licenza GPL que segue o proxecto.
Cómpre destacar que o proxecto Ekiga está dispoñible en galego grazas á labor dos voluntarios do proxecto Trasno.
