Mancomún

A Xunta de Galicia pon a disposición da cidadanía novo material didáctico formativo no Repositorio Documental FLOSS

Xoves, 23 Xuño 2011
  • Xa están dispoñibles os materias didácticos en galego sobre GIMP e Impress dirixidos aos docentes de ABALAR.
  • Os materiais, elaborados por AGASOL, distribúense con licenza libre no Repositorio Documental FLOSS.
  • Un total de 280 docentes están a recibir formación sobre estas materias nos meses de maio e xuño, impartida por enxeñeiros informáticos do CPEIG

O Plan de Acción FLOSS do ano 2011 promovido pola SXMIT da Xunta de Galicia inclúe un capítulo específico para a potenciación dos mecanismos de formación e difusión do FLOSS. Con este obxectivo, en marzo deste ano asinouse un Convenio de colaboración con AGASOL (Asociación Galega de empresas de SOftware Libre) e CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia) para a realización de diversas actividades de difusión e formación para promover o proxecto ABALAR no que, entre outras actuacións, prevíase a elaboración de guías didácticas sobre ferramentas FLOSS do equipamento ABALAR así como a realización de xornadas de formación dirixidas aos docentes dos centros ABALAR.
Materiais dixitais en galego sobre ferramentas libres do equipamento ABALAR

Neste marco AGASOL, baixo a supervisión da Consellería de Educación e da propia SXMIT, está a elaborar unha serie materiais didácticos sobre diversas ferramentas libres: GIMP, OpenOffice.org Impress, ferramentas de son e ferramentas de vídeo.

Os materiais están orientados fundamentalmente a cubrir unha formación técnica básica que permita aos docentes mellorar no uso das tecnoloxías libres nas aulas dende un punto de vista práctico. Estes materiais están elaborados por especialistas na materia e por especialistas pedagogos.

Das 4 guías didácticas planificadas, hoxe póñense a disposición de toda a cidadanía dúas delas:

Ambas guías publícanse no Repositorio Documental FLOSS do portal Mancomún, cunha licenza Creative Commons – Recoñecemento – Compartir baixo a mesma licenza e están dispoñibles en formato Html para a súa consulta directamente dende o navegador, e nos estándares para obxectos de aprendizaxe IMS e SCORM, compatible coa plataforma de teleformación Moodle.

As outras dúas guías adicadas ás ferramentas de son e vídeo están en fase inicial de elaboración estando prevista a súa finalización para o mes de setembro.

Xornadas de formación práctica dos contidos Dixitais para profesorado de Abalar.

Empregando os materiais didácticos elaborados por AGASOL os colexiados do CPEIG están a impartir nos Centros de Formación e Recursos – CFR de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo, sendas xornadas de formación dirixidas aso docentes, priorizando ao profesorado con docencia nos centros da Rede Abalar.

Estas xornadas formativas pretenden complementar a formación dos docentes ABALAR para que adquiran as competencias dixitais necesarias para unha correcta integración das TIC nas aulas galegas., recibindo ademais dunha formación técnica básica e unha formación sobre o uso práctico dos contidos incluíndo exemplos prácticos de como impartir unha clase utilizando estes recursos.

As xornadas formativas correspondentes ás materias GIMP e IMPRESS constan de 10 horas de formación e estanse a celebrar dende a semana do 16 de maio e rematarán a finais deste mes de xuño, grazas ás que un total de 280 docentes formaranse nestes ferramentas.

Así un total de 120 docentes xa recibiron a formación correspondente á ferramenta GIMP nas cidades de A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo, estando prevista a formación doutros 20 docentes en Ferrol nesta semana.

Ademais tamén comezaron a súa formación sobre a ferramenta IMPRESS 120 profesores que rematarán entre esta semana e a próxima, estando prevista a formación doutros 20 docentes na cidade de Santiago de Compostela para a semana do 27 de xuño, pechando así o calendario formativo antes do período vacacional.

Unha vez estean dispoñibles os novos materiais correspondentes ás ferramentas de audio e vídeo e se retome a actividade no curso escolar 2011-2012 realizaranse novas xornadas formativas para o persoal docente nos CFR de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo.

Fonte: Xunta de Galicia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal