Mancomún

A Xunta inicia o estudio previo para migrar a software libre os ordenadores dos empregados públicos

Martes, 26 Febreiro 2013
  • Agasol elaborará unha análise exhaustiva para identificar o impacto económico desta actuación e as necesidades tecnolóxicas, organizativas e formativas para afrontala
  • Analizará tamén cal é a mellor solución para consolidar un modelo estándar de plataforma de teleformación da Administración autonómica
  • Ademais, creará un conxunto de solucións baseadas en software de fontes abertas deseñadas especificamente para a xestión de micropemes e autónomos que poderán probar no Centro Demostrador TIC

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) contará a finais de ano cunha análise pormenorizada para poder elaborar un plan de migración a software libre dos ordenadores dos empregados da Administración Xeral. Esta medida, enmarcada no Plan de Software Libre da Xunta, é unha das actuacións recollidas no convenio asinado esta mañá entre a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), Alejandro Escobar.

Durante os vindeiros meses Agasol realizará un estudo para identificar o impacto económico do cambio a ferramentas ofimáticas de fontes abertas nos postos de usuario, así como as necesidades tecnolóxicas, organizativas e formativas que require esta medida. Os resultados desta análise, que se prevé ter rematada a finais de ano, determinarán a dimensión e os prazos do plan de migración, que se elaborará en base ao estudo.
Segundo explicou Mar Pereira, este estudo e é un dos compromisos do Plan de Software Libre da Xunta, a primeira estratexia global nesta eido coa que conta a Xunta de Galicia e que se elabora cada ano en colaboración cos axentes do sector. A directora da Amtega sinalou que grazas ás medidas definidas neste Plan nos últimos tres anos duplicouse a porcentaxe de ordenadores da Administración autonómica que dispoñen de ferramentas de software libre. A día de hoxe son o 94% fronte ao 46% de 2009. Ademais, por primeira vez en 2011 se comezaron a impartir cursos específicos de software libre para os empregados públicos. Unha formación que tivo continuidade en 2012 con máis de 900 horas e tamén a terá no 2013.

Medidas para autónomos e micropemes
O acordo asinado esta mañá establece ademais outras tres liñas de actuación dirixidas á difusión do software libre na sociedade, á súa utilización nas micropemes e a mellora dos recursos de teleformación da Administración autonómica.

Segundo recolle o convenio, Agasol creará un conxunto de solucións tecnolóxicas de software libre especificamente deseñadas para cubrir as necesidades de xestión das micropemes e dos autónomos, que se presentarán no Centro Demostrador TIC, onde se instalarán para ser probadas. Cómpre destacar que en o tecido empresarial galego está composto en preto dun 95% por empresas de menos de dez empregados. Segundo datos do IGE, catro de cada cinco empresas galegas teñen dous ou menos traballadores (83,1%) e máis da metade das empresas galegas (56,1%) son autónomos.

Solucións para a teleformación e difusión entre a cidadanía
Outra das actuacións que recolle o convenio é a realización un estudo comparativo das plataformas de teleformación existentes no mercado tanto baseadas software libre como privativo. En base a esta información formularase a elección do tipo de plataforma máis axeitada para a prestación dos diferentes servizos de formación online que ofrece a Administración autonómica. Ademais, o estudo recollerá as múltiples solucións de aprendizaxe virtual dispoñibles e cales son as máis recomendables para implementar a plataforma corporativa.

A terceira acción do acordo establece a colaboración de Agasol coa Oficina de Software Libre da Xunta para reforzar o labor de asesoramento que realiza este departamento tanto dentro da administración como de cara á sociedade. Agasol facilitará información sobe como atopar dun xeito sinxelo e rápido os produtos ou servizos de software libre que se adapten as necesidades do usuario, datos sobre as solucións máis novidosas e asesoramento sobre a instalación, configuración e matemento destas solucións.

Plan de Software Libre
A sinatura deste convenio enmárcase nunha estratexia global para impulsar o software libre que se plasma ano a ano en cadanseu Plan de Acción en materia de Software Libre. Trátase dun Plan coordinado e consensuado cos distintos axentes software libre galegos, como a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, as tres Universidades galegas e mailas asociacións de usuarios de software libre de Galicia.

Ademais das accións establecidas no Plan a Administración autonómica está a empregar o software libre en iniciativas estratéxicas no ámbito da Administración electrónica, e en proxectos tecnolóxicos de envergadura como Abalar ou a Rede de Aulas CeMIt para a formación dixital de cidadáns e empresas. Grazas a Abalar, desde o pasado mes de setembro máis de 43.000 alumnos empregan unicamente software libre no seu día a día na escola. E os 21.000 usuarios da rede CeMIT fórmanse en novas tecnoloxías con equipamento dotado de software libre. O emprego do software libre nestas iniciativas permitiu un aforro de 2,5 millóns de euros no período 2010-2011.

Fonte: AMTEGA

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal