Mancomún

A Xunta investiu 1,7 millóns de euros en Software Libre

Xoves, 8 Maio 2008

A Xunta de Galicia promoveu o Software Libre na nosa comunidade, o pasado ano, cun investimento de 1,7 millóns de euros. Así o puxo onte de manifesto o Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, durante a xornada de presentación do balance do Plano Galego da Sociedade da Información (PEGSI) .

Este investimento permitiu coordinar e promover iniciativas de difusión e de formación coas que se acadou unha maior presenza do software libre e dos estándares abertos en diversos ámbitos con acceso ás TIC.

Neste senso, a porcentaxe de centros de ensino que empregan ferramentas abertas pasou en tan só dous anos do 20 a 65%. Tamén no sector empresarial constatouse un incremento do 10 ao 23% nas empresas de máis de 10 empregados.

Asemade, Fernando Blanco destacou no seu discurso a importancia da consolidación de Mancomun.org como o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre como factor clave para a consecución destes éxitos no eido do Software Libre.

O Software Libre aparece, deste xeito, como un dos elementos fundamentais para a Xunta como elemento de dinamización do sector TIC en Galicia e, consecuentemente, de todo o tecido socioeconómico que xira en torno a el.
 
O Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) 2007-2010 recolle este aspecto no seu terceiro apartado adicado á “Interoperatividade, seguridade e coñecemento aberto“. Nel defínese o uso do Software Libre como unha grande oportunidade para lograr a interoperatividade de servizos e contidos administrativos de cara ao cidadán e a implantación efectiva da administración electrónica baseada en códigos abertos.
 
O PEGSI permitiu no seu primeiro ano de vixencia o desenvolvemento de 279 accións cun orzamento de 156 millóns, un 14% máis do inicialmente previsto pese a que o Plan comezouse a executar en abril.
 
Máis información 
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal