Mancomún

A Xunta rexistra no catálogo de solucións do Centro de Transferencia de Tecnoloxía do Estado tres novas solucións de Software Libre

Luns, 8 Xuño 2015
  • XEA, DESOURB e Concurrent Cache Manager son as tres novas achegas de Galicia ao catálogo do CTT para facilitar a reutilización por parte doutras administracións así como a colaboración para a súa mellora
  • XEA é unha ferramenta que permite a xestión unificada e coordinada das actividades, axentes e usuarios das aulas da rede CeMIT
  • O software do proxecto DESOURB permite a xestión e explotación dos datos, así como o cálculo dos indicadores de xestión territorial
  • Concurrent Cache Manager é unha biblioteca Java que axiliza o intercambio de información entre as Oficinas do Servizo Público de Emprego autonómico e estatal

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con diferentes consellerías publicou ao longo do pasado ano tres novas solucións no seu Repositorio de Software Libre, que vén incrementando a súa oferta dende o ano 2011 grazas ao Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia.

Co obxectivo de ampliar a difusión de estas solucións e dar cumprimento aos requirimentos do Esquema Nacional de Interoperabilidade en canto á reutilización de aplicacións, a Amtega procedeu a rexistralas no catálogo de solucións do Centro de Transferencia de Tecnoloxía (CTT) do Estado, proporcionando toda a información necesaria para facilitar o seu coñecemento e reutilización.
XEA-CeMIT, aplicación de xestión da rede CeMIT

A rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que integra un total de 98 aulas, repartidas por toda a xeografía galega, e que ten por obxectivo a redución da fenda dixital, a través de formación pública e gratuíta para .

XEA é unha aplicación web para a xestión de todos os recursos das aulas CeMIT, que permite aos usuarios a consulta sobre todas as actividades de formación que se ofertan, a inscrición nas mesmas, apoio para a súa realización e a obtención de certificados de aproveitamento dos mesmos. Por outra banda, facilita aos responsables das centros a organización tanto das actividades da Rede como do seu labor diario.

XEA é unha adaptación, desenvolvida por Fundetec para a Amtega, da aplicación ISIS, creada previamenteo por Fundetec para a xestión do programa CyLDigital da Junta de Castilla y León.

DESOURB, Desenvolvemento Sostible Urbano

O proxecto DESOURB é un proxecto desenvolvido con fondos europeos obtidos a través do “Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal” (POCTEP) cuxo obxectivo era a definición dun modelo innovador de planificación e xestión territorial baseado en indicadores. Para iso desenvolveuse unha plataforma informática en web, que permite a captura e introdución de información, tanto en soporte alfanumérico como xeográfico, necesaria para a realización dos diagnósticos, establecer obxectivos ou monitorizar os resultados das accións realizadas en base a índices e indicadores.

A aplicación permite o cálculo automático destes indicadores, dende os que comprenden cálculos máis sinxelos, como os máis complexos que requiren operacións con datos xeográficos. Ademais permite a incorporación, definición e creación de novos indicadores por parte dos usuarios da plataforma.

Concurrent Cache Manager

Concurrent Cache Manager (CCM) non é unha aplicación de usuario final, é unha biblioteca Java que permite mellorar notablemente o rendemento das transaccións entre as aplicacións empregadas nas Oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia e a plataforma informática do Servizo Público de Emprego estatal, o que se traduce nunha maior axilidade no desenvolvemento traballo por parte dos empregados de ditas oficinas.

Dada a súa natureza, CCM é un compoñente software que pode ser reutilizado por calquera servizo de emprego autonómico, xa que todos eles precisan conectarse aos sistemas do Servizo Público de Emprego estatal.

CCM consiste nunha biblioteca desenvolvida en Java e composta por varios módulos, todos eles publicados con licenza libre e dispoñibles para a súa descarga.

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal