Mancomún

Abalar xa conta cunha versión accesible

Mércores, 25 Xaneiro 2012

Captura do equipo AbalarA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén desenvolvendo, dende hai tempo, diversas actuacións en colaboración coa ONCE e Tadeg@ para mellorar a accesibilidade do equipamento distribuído aos centros, buscando unha resposta educativa válida que contemple a diversidade e respecte as necesidades de todo o alumnado. Ademais está a contar tamén coa colaboración de AGASOL, para o desenvolvemento de solucións baseadas en software libre.

Como froito destas colaboracións, a Consellería vén de anunciar que xa está a disposición dos centros Abalar unha versión accesible para o equipamento distribuído entre o alumnado, deseñada para atender as necesidades específicas daquelas persoas con diversidade funcional.

ABALAR accesible

A maqueta Abalar accesible, igualmente que todo o software que se está a despregar no equipamento Abalar, está tamén integramente baseada en Software Libre.
Así, partindo da maqueta común deseñada para os ultraportátiles e portátiles ABALAR, conta con todo o software educativo e accesible dispoñible en dita maqueta común, ao que se lle engaden outra serie de aplicativos e ferramentas específicas para a atención á diversidade funcional.

Entre as ferramentas específicas desta maqueta accesible destacan:

  • lector de pantalla ORCA, integrado no escritorio Gnome, prové unha tecnoloxía de apoio para as persoas con deficiencias visuais, xa que permite acceder ao contorno gráfico a través de combinacións de voz, braille e magnificación.
  • Sintetizadores de voz, eSpeak e Festival. Festival é multilingüe tendo soporte tanto en inglés como en castelán sendo, as voces máis destacadas, as desenvolvidas dentro do proxecto hispavoces de guadalinex, Sofía e Pedro, incluídas ambas na maqueta accesible.
  • Ferramentas de accesibilidade do xestor de ventás Compiz: zoom e zoom mellorado; filtro de cor; negativo; opacidade, brillo, e saturación.
  • DBR Lector de libros Daisy. Daisy é un estándar baseado en XML que presenta un libro en formato acústico con navegación activada dentro dunha estrutura secuencial e xerarquizada de texto sincronizado con audio. As locucións dos audiolibros grávanse en ficheiros MP3. O formato Daisy está especialmente orientado a persoas con deficiencias visuais, xa sexa cegueira total ou parcial, redución do campo visual, etc… Tamén pode ser útil a calquera persoa que, sen ter problemas de visión, nunha circunstancia concreta desexa escoitar certo documento sen ter que ocupar a súa vista na lectura.
  • Eviacam, aplicativo que substitúe a funcionalidade do rato permitindo mover o punteiro a partir do movemento da cabeza. Funciona nun ordenador PC equipado cunha cámara web, sen elementos adicionais. eViacam está baseado no programa Rato Facial galardoado con varios premios.
  • Scripts para a mellora da usabilidade do equipamento, como por exemplo a activación/desactivación do TouchPad mediante atallo de teclado para evitar que o rato se mova involutariamente ao apoiar as mans na superficie do teclado; indicación do estado do nivel de batería mediante atallo de teclado; desactivación de Cheese para evitar a activación accidental do software integrado de gravación da webcam.
  • Punteiros de rato específicos e fontes de letra Braille proporcionados pola ONCE.

Na actualidade esta solución está en funcionamento en doce centros educativos sendo xa utilizada por alumnos e alumnas con deficiencia ou discapacidade visual aos que a solución lles permite utilizar o equipamento nas mesmas condicións que os seus compañeiros de aula.

Actualmente o proxecto está estudando novas medidas para atender a alumnado con outro tipo de diversidades funcionais, proceso no que están a colaborar ademais da ONCE e Tadeg@ , profesorado e centros educativos nos que se realizan as probas.

Ademais o futuro do proxecto contempla a integración da accesibilidade dentro da maqueta común con diferentes perfís de usuarios, de xeito que todo o equipamento sexa accesible e non sexa preciso identificar un equipo concreto para a instalación da maqueta accesible.

Deste xeito a Consellería de Cultura e Educación continúa da dar pasos a prol da calidade, atendendo as necesidades de toda a comunidade educativa.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal