Aberta a web do último dos catro cursos que a OSL da USC organiza na Universidade de verán da USC: Deseño e autoedición con Software Libre: logotipos, revistas e retoque fotográfico. O prazo de inscrición xa fai días que se abriu (tanto presencialmente como por Internet) e remata o día 26 de agosto de 2011.
Este curso, ao igual que os cursos de Traballo diario con Ubuntu, Boas prácticas na informática e na Internet con ferramentas FLOSS e Aprende traducindo: Curso de localización de aplicativos ao galego, está aberto ao público en xeral.
O obradoiro está destinado principalmente a aquelas persoas interesadas no deseño e autoedición co computador mediante software libre. Tanto para aquelas persoas que están a comezar como aquelas que xa teñen coñecementos adquiridos noutros aplicativos privativos, xa que así saberán facer o mesmo con software libre e descubrirán as novas posibilidades que ofrecen estas ferramentas.
O obxectivo deste obradoiro é que o asistente coñeza o panorama das ferramentas libres para o deseño, as súas vantaxes así como os seus inconvenientes, aprendendo a traballar coas tres ferramentas libres máis coñecidas neste campo como son GIMP , Inkscape e Scribus. O alumnado aprenderá os fundamentos dos principais aplicativos de deseño con Software libre, capacitándoo para deseñar logotipos, corrixir e retocar fotografías e editar o seu propio material, dende un folleto ata unha revista ou un libro.
O curso terá unha duración de 15 horas distribuídas en 3 tardes, os venres 2, 9 e 16 de setembro de 16:00 a 21:00 horas co seguinte programa:
Venres 2 de setembro: Introdución ao tratamento de imaxes co GIMP
- Conceptos básicos dos mapas de bits
- Interface
- Desfacer, e o que non se pode desfacer
- Solucións rápidas para problemas frecuentes
- Tipos de imaxes
- Preparando imaxes para o web
- Pintar co GIMP
- Seleccións
- Capas
- Textos e tipografías
- Brochas Xestión da cor
Venres 9 de setembro: Introdución ao deseño gráfico co Inkscape
- Conceptos básicos dos gráficos vectores
- Interface
- Formas básicas
- Creación e deseños libres
- Inserir imaxes
- Crear un logotipo
- Crear un folleto informativo
- Xestión de cor
- Formatos finais – exportar
Venres 16 de setembro: Introdución á autoedición co Scribus
- Conceptos básicos
- Interface
- Ferramentas básicas
- Creación dun libro básico
- Propiedades avanzadas
- Xestión da cor
- Formatos finais – PDF
O prazo de inscrición está aberto ata o día 26 de agosto de 2011. A matrícula pode realizarse ben por internet ou ben presencialmente, na Secretaría da Universidade de Verán, Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela ou na Secretaría da Universidade de Verán, Área de Cultura do Campus de Lugo, Pazo de Montenegro, Praciña da Universidade, Lugo. Recoméndase consultar a normativa reguladora da universidade de verán.>
O custe de matrícula é de 70 € con carácter xeral e de 40 € para estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC.
Fonte: OSL da USC
