Un ano máis PortalProgramas abre o prazo de nominacións para os seus Premios PortalProgramas ao Mellor Software Libre do ano, na súa quinta edición.
O obxectivo destes premios é recoñecer aos proxectos de software libre que máis teñen contribuído ao avance tecnolóxico durante o ano, como mostra de agradecemento aos esforzo e paixón da comunidade que hai detrás de cada proxecto de software libre, quen día a día adícalle o seu tempo e coñecemento.
Dende o 4 ata o 18 de novembro estará aberta a Fase de nominacións, na que calquera persoa pode presentar os seus candidatos aos premios, que serán validados polos organizadores dos premios, comprobando que se axustan ás bases do concurso e que posteriormente someteranse á fase de votación.
As categorías existentes son :
- Mellor software libre para móbil
- Mellor blog de software libre
- Software libre máis popular
- Máis revolucionario
- Maior potencial de crecemento
- Esencial para a Web
- Esencial para a tecnoloxía
- Esencial para a comunicación
- Esencial para redes de comunicación
- Esencial para empresas
Para nominar un proxecto só hai que acceder ao portal dos Premios PortalProgramas, consultar as categorías e os programas xa propostos e propoñer un novo proxecto premendo no botón "nominar".
Dende o 18 de novembro ata o 16 de decembro estará aberta a Fase de votacións públicas, onde todos os usuarios do portal poderán votar polos seus favoritos.
O 17 de xaneiro daranse a coñecer os gañadores de cada categoría. O gañador na categoría do Blog sobre software libre levará ademais do recoñecemento unha dotación económica de 300 euros como premio especial, xa que dende a organización consideran que a difusión do software libre é un dos puntos mais importantes.
