Mancomún

Aberto o prazo de patrocinio para as I Xornadas Scratch + Arduino organizadas por GALPon e APETEGA

Luns, 4 Xuño 2012

Scratch GaliciaA asociación GALPon en colaboración coa Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA, está organizando as primeiras xornadas “Scratch + Arduino” para o mes de novembro de 2012, que terán unha periodicidade anual, e que serán complementadas coa celebración do “Día do Scratch” en maio de 2013.

As Xornadas “Scratch + Arduino” son un encontro de 2 días que ten por obxectivo principal a difusión do Software e o Hardware Libre no ensino e na educación. Máis concretamente, tratarase de achegar ao profesorado galego ao entorno de programación Scratch, pensado para introducir aos máis cativos nas destrezas de programación; achegar boas prácticas para a introdución da programación con Scratch nas actividades de aula de forma interdisciplinaria e dar a coñecer a programación de Arduino baseada en Scratch.

Os destinatarios destas xornadas serán calquera persoa interesada na programación con Scratch e Arduino, especialmente profesorado do ensino público de Educación Primaria e Secundaria. Dada a importancia que para os organizadores ten esta iniciativa e co obxectivo de poder chegar ao maior número de persoas, estiman que poderían achegarse ata estas xornadas arredor de 250 persoas, a asistencia á xornada será de balde, polo que están á busca de patrocinadores que permitan cubrir os custes da organización: difusión, gastos de poñentes, material para as demostracións e os obradoiros …
Calquera doazón será benvida, e terá unha serie de vantaxes como contrapartida en función da cantidade achegada, segundo se pode consultar no programa de patrocinios.

Scratch é un aplicativo destinado a introducir aos nenos e nenas no mundo da programación mediante o uso dunha sinxela interface gráfica, axudando a desenvolver o pensamento algorítmico, a creatividade e a destreza para solucionar problemas. Permite crear de forma moi sinxela historias, simulacións e xogos e compartir os proxectos na Rede. Scratch utiliza a linguaxe LOGO e está desenvolvido polo grupo “The Lifelong Kindergarten group” no Media Lab do MIT (Massachussets Institute of Tecnology).

Arduino é unha plataforma electrónica aberta destinada á creación de obxectos e sistemas interactivos. Arduino pode tomar información do contorno a través de sensores conectados a través dos seus puntos de entrada e pode interactuar co contorno controlando luces, motores e outros actuadores conectados aos seus puntos de saída. Pódese programar mediante S4A, software baseado en Scratch.

Durante as Xornadas “Scratch + Arduino”, ofreceranse charlas, obradoiros, táboas redondas, exposición de proxectos persoais e/ou de aula, e sobre todo, un lugar de encontro para profesionais do ensino e afeccionados ao mundo da programación e a electrónica. A estrutura e contidos sobre os que se está a traballar para estas xornadas son os seguintes:

  • Introdución:
    • Introdución a Scratch
    • Exemplos de proxectos de aula con Scratch.
    • Exemplos de proxectos de aula con S4A e Arduino.
  • Obradoiros prácticos de programación con Scratch
    • Instalación de Scratch
    • Programación con Scratch. Bloques, funcións, variables, etc.;
    • Prácticas básicas de programación con Scratch.
    • Propostas de proxectos a desenvolver.
  • Obradoiros prácticos S4A + Arduino
    • Introdución a Arduino
    • Compoñentes electrónicos básicos
    • Instalación de S4A
    • Prácticas básicas de programación con S4A
    • Propostas de proxectos a desenvolver.
    • Programación avanzada de Arduino

Os interesados en obter máis información ou coñecer as opcións de colaboración deben dirixirse aos organizadores a través dos diversos medios de contacto que poñen á disposición do público.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal