A 10ª edición da GUADEC-ES celebrarase os vindeiros días 18, 19 e 20 de outubro, en Madrid nas instlacións de MediaLab-Prado e organizada por GNOME Hispano.
A GUADEC-ES é a versión hispana da GUADEC "Conferencia Europea de Desenvolvedores e Usuarios de GNOME" que naceu no ano 2004 compartindo os mesmos obxectivos que a GUADEC, mantendo o seu carácter internacional aínda que orientada fundamentalmente ao público hispanofalante.
A petición de contribucións está aberta ata o 27 de setembro de 2013. O idioma das contribucións poderá ser tanto o español como o inglés aínda que o idioma da conferencia será o español. Admítense contribucións de tres tipos:
- relatorios
- obradoiros/titoriais
- mesas de debate.
As áreas de interese son:
- Proxecto GNOME: organización do proxecto, GNOME Foundation, GNOME e as patentes de software, o futuro do proxecto, empresas e agrupacións involucradas, como colaborar, etc.
- Plataforma e tecnoloxía GNOME: bibliotecas, principais avances, propostas de mellora, presentacións sobre o uso da tecnoloxía.
- Aplicativos, usuarios e GNOME: GNOME como contorno de traballo, como ferramenta de traballo en grupo, como plataforma usable e de alta produtividade, etc.
- Proxectos e tecnoloxías baseadas en GNOME: proxectos e casos de éxito nos que se utiliza GNOME como tecnoloxía de desenvolvemento, usos orixinais das tecnoloxías GNOME.
- Presentacións formativas ou titoriais sobre tecnoloxías GNOME orientados a principiantes.
- Outros temas relacionados cos contornos de escritorio ou que teñan relación directa con GNOME.
Os interesados en participar deberán remitir as súas propostas ao correo electrónico cfp @ guadec . es coa seguinte información: Título da contribución, nome do poñente/s, empresa ou institución, nacionalidade do poñente, email de contacto, resume (en torno ás 500 palabras) e indicación de se solicita axuda de viaxe. Calquera tipo de software referenciado debe ser compatible coa definición de Software Libre da FSF.
Ademais da petición de contribucións, está tamén aberto o rexistro, totalmente gratuíto, para todos os que teñan pensado asistir a esta décima edición da GUADEC-ES.
