Mancomún

Aberto o prazo de remisión de propostas para a Conferencia Internacional de Software Libre

Mércores, 23 Xuño 2010

Conferencia Internacional de Software Libre - OSWC 2010 A Conferencia Internacional de Software Libre, organizada pola Junta de Andalucía e a Junta de Extremadura en colaboración coas empresas máis importantes do sector, é un foro internacional para a presentación e difusión de aspectos técnicos, de aplicativos e de modelos de negocio en software libre. Logo xa de seis edicións, probablemente poida xa considerarse o evento europeo de maior relevancia relacionado coas tecnoloxías de fontes abertas. Este ano celebrarase en Málaga durante os días 27, 28 e 29 de Outubro.

Desta volta a conferencia presenta algunhas novidades con respecto á organización de anos anteriores, entre as que destacan:

  • Adicación do primeiro día da conferencia exclusivamente ao público profesional, é dicir, a persoas que desenvolven a súa actividade profesional en empresas privadas ou entidades públicas usuarias de tecnoloxía libre ou empresas do sector TIC. Os días 28 e 29 estarán, como sempre, abertos á participación do público en xeral.

  • Visión práctica da que se pretende dotar ao evento. É dicir este ano marcouse como un dos obxectivos ofrecer aos asistentes a oportunidade de visualizar as vantaxes derivadas da aplicación do software libre en ámbitos concretos,como as pequenas e grandes empresas, as administracións públicas ou as organizacións do sector social. Serán os propios actores clave nestes ámbitos quen expoñan as súas ideas, experiencias e os que axudarán a atopar as solucións máis adecuadas para cada tipo de actividade ou de negocio.

A Conferencia contará con sesións plenarias e con comunicacións doutro tipo que serán escollidas de entre todas as propostas recibidas. O prazo para o envío de propostas de comunicacións está aberto ata as 8:00 horas do vindeiro día 31 de Xullo.
Todos aqueles interesados en enviar a súa proposta deberán indicar:

  • Público obxectivo que podería ter interese no tema a tratar na proposta (empresas privadas, administracións públicas, sector TIC, comunidade educativa, público xeral, etc)
  • Indicación do formato máis axeitado para a proposta: ponencia, mesa redonda, debate, obradoiro ou calquera outro formato innovador.
  • Área temática onde mellor encaixa: (posibles áreas)
    • Aspectos técnicos: sistemas operativos, bases de datos, ERP, seguridade, metodoloxías e calidade, telecomunicacións, …
    • Aplicativos sectoriais: industria, comercio, servizos, educación, universidade, saúde, e-goberno, …
    • Negocios, estratexias e políticas: modelos de negocio, provedores de servizos, casos de éxito, novos desenvolvementos, marco legal, lexislación e experiencias, e-inclusión, ONG…

Prestarase especial atención ás propostas protagonizadas polos propios usuarios finais da tecnoloxía, ferramentas ou procesos descritos.

O envío da proposta debe facerse a través dun formulario habilitado a tal efecto na web da OSWC. Deberá enviarse en formato odt ou pdf e non excederá de 2500 palabras e incluirase obrigatoriamente mención á licenza que lle afecta (denominación e URL ao texto completo da mesma). Os idiomas admitidos son o español e o inglés

Valoración de propostas

Unha vez rematado o prazo de recepción de propostas, aquelas que foran remitidas atendendo ás condicións establecidas serán publicadas na web como “ponencias candidatas” abríndose un novo prazo de valoración ata o 15 de setembro para que os usuarios da web poidan votas por elas, facer comentarios breves e/ou manifestar o seu interese en asistir ás mesmas. Logo deste prazo o comité avaliador fará a súa propia valoración que xunto coa valoración da comunidade permitirá optar á proposta candidata a ter un espazo dentro da OSWC.

As ponencias aceptadas publicaranse nun Libro de ponencias da conferencia, en edición electrónica que será rexistrado na Axencia Española do ISBN.

Fonte: OSWC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal