Ao igual que outros anos, haberá dúas categorías dentro dos premios:
- "Premio polo avance do Software Libre": O premio da FSF polo avance do Software Libre será entregado por Richard Stallman, o presidente da FSF, á persoa que fixera máis méritos contribuíndo ao progreso e desenvolvemento do Software Libre. O último gañador deste premio foi Wietse Venema, polas súas contribucións á seguridade na rede e pola creación do servidor de correo Postfix.
- "Premio para o proxecto que máis beneficie á sociedade": O premio recoñece o proxecto que intencionada e significativamente beneficie máis á sociedade a través da colaboración para completar unha importante tarefa social. O proxecto gañador do ano pasado foi Creative Commons, en recoñecemento ao seu traballo por fomentar un conxunto de traballos creativos, educativos e científicos que poden compartirse e construírse entre moita xente, e por chamar a atención sobre o dano que fan os réximes de copyright cada vez máis restritivos.
Para presentar unha candidatura, pódese mandar un correo ao enderezo de correo award-nominations@gnu.org ata o sábado 31 de outubro. As candidaturas deben ter o seguinte formato:
- Na liña de asunto, poñer o nome da persoa ou o proxecto do que se quere presentar a candidatura
- No corpo da mensaxe, incluír unha explicación (40 liñas ou menos) do traballo levado a cabo e de por que se pensa que é especialmente importante, respectivamente, para o avance do software libr, ou como beneficia á sociedade.
- Incluír, tamén no corpo da mensaxe, onde se pode conseguir material (tal como programas, manuais ou escritos) nos que se basea a candidatura.
Pódese atopar información sobre anteriores premios en http://www.fsf.org/awards
