Mancomún

Aberto prazo para participar no I concurso de fotografía libre, Freelens

Martes, 21 Xuño 2011

Logo de FreelensA semana pasada informábamos que a asociación Inestable de Ordes organiza este ano o I certame de fotografía Creative Commons, FreeLens, co obxectivo de promover a creación de obras culturais libres tanto a nivel galego como estatal.

Dende onte, xa están dispoñibles as bases oficiais do concurso e está aberto o prazo de envío de obras a concurso. Estas poderanse enviar ben por correo ordinario ao enderezo da asociación ou por correo electrónico á conta freelens @ inestable.org. O prazo remata o 29 de xullo ás 23:59h.

Cada participante poderá enviar ata un máximo de 4 fotografías ao concurso co único requisito de que deben ser obras orixinais súas cunha licenza Creative Commons. As obras poderán ser tratadas previamente por software de retoque fotográfico.
O concurso conta con 3 categorías:

  • Xeral: Entre todas as fotografías presentadas ao certame escollerase a mellor e recibirá un premio de 300€.
  • Retrato: Fotografías que teñan como temática principal unha persoa ou grupo de persoas. Premiarase a mellor con 100€.
  • Natureza: Entre as fotografías que teñan como tema principal a natureza, escollerase a mellor e recibirá un premio de 100€.

Ademais haberá unha sección especial do concurso denominada Fastlens. Nesta sección participarán aquelas fotografías que sexan tomadas entre o venres 22 de xullo, día no que se publicará a temática sobre a que deberán basearse as fotografías, e sexan enviadas antes do martes 26 de xullo ás 23:59h da noite. A mellor será premiada con 100€.

Todos os premios entregaranse na gala Cinestable que se realizará o día 5 de agosto de 2011 en Ordes.

Durante todo o mes de setembro de 2011, despois do festival, realizarase unha exposición das obras presentadas ao certame na sala de exposicións do Centro Comarcal de Ordes, situado nas Casillas, na entrada a Ordes dende Santiago. Ademais, crearase unha galería online para que as imaxes estean dispoñibles para a súa visualización sen necesidade de achegarse fisicamente ata Ordes.

Actualmente Inestable está formando o Xurado para este certame, polo que animan a aquelas persoas interesadas en formar parte do mesmo a poñerse con contacto con eles a través do enderezo electrónico freelens@inestable.org

FreeLens e Cinestable forman parte das actividades que Inestable desenvolve ao abeiro do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal