Mancomún

Acordo Atlántico a prol do software libre e de fontes abertas

Martes, 28 Xuño 2011

Hoxe 29 de xuño de 2011, no marco do 12 Fórum Internacional so Software Libre (12FISL), fíxose público o anuncio oficial do Acordo Atlántico a prol do Software Libre e de Fontes Abertas, promovido dende AGASOL, e segundo nos informa Roberto Brenlla, a semente da que naceu este acordo prendeu durante a súa intervención no pasado 11FISL en Porto Alegre.

Este acordo formaliza a colaboración de diversas organizacións empresariais e sociais relacionadas co FLOSS de ambos lados do Atlántico. As asociacións

Asinantes do Acordo Atlántico

  • AGASOL, Asociación Galega de Empresas de Software Libre – Galicia, España
  • ASL: Associação SoftwareLivre.Org – Brasil
  • ASOLiF: Federación Nacional de Empresas de Software Libre – España
  • CAdESoL: Cámara Argentina de Empresas de Software Libre – Arxentina
  • ESOP: Associação de Empresas de Software Open Source Portuguesas – Portugal e
  • SoLAr: Asociación Civil Software Libre Argentina – Arxentina

estiveron ao longo dos últimos meses traballando conxuntamente co fin de establecer acordos e canles de comunicación como paso previo á realización dun Plan de Acción conxunto a executar a ambos lados do Atlántico ao longo dos vindeiros anos. Estas actividades estarán orientadas á xeración e explotación de oportunidades de negocio, así como melloras de carácter social, difusión, apoio e asesoramento en cuestións que incumben a cada unha das entidades implicadas.
O Software Libre/Código Aberto propón a xeración e transferencia de coñecemento de igual a igual. As organizacións asinantes do Acordo Atlántico, que hoxe se fai público, pretenden trasladar este principio ao ámbito empresarial e social máis aló das súas respectivas contornas nas que operan. Propóñense tamén aproveitar a experiencia acumulada no desenvolvemento e explotación de tecnoloxías libres, así como na xeración de riqueza a través de modelos de negocio baseados en Software Libre/Código Aberto, para a realización de proxectos e accións conxuntas con impacto global.

O Acordo Atlántico constitúe, polo tanto, a primeira pedra que poñen estas organizacións para consolidar procesos de internacionalización durante os vindeiros anos. Representa á súa vez unha proba de madurez e visión global das organizacións asinantes do acordo, que reforza a auxe que o Software Libre/Código Aberto está experimentando en todo o mundo e, en concreto, nos países hispanos e lusófonos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal