Mancomún

Activae: Xestor de activos dixitais multimedia baseado en software libre

Martes, 16 Novembro 2010
  • CENATIC presenta en FICOD un xestor de activos dixitais multimedia baseado en software libre baixo o nome de Activae
  • O proxecto desenvolvido inicialmente para uso interno, liberouse e ponse a disposición de todos os desenvolvedores e usuario baixo licenza BSD.
  • CENATIC está a traballar na creación dunha comunidade de usuarios e desenvolvedores da plataforma en activae.cenatic.es

CENATIC presenta hoxe en FICOD, o Foro Internacional de Contidos Dixitais, o proxecto Activae, unha plataforma para a xestión e consumo de activos dixitais multimedia publicada baixo a nova licenza BSD.

Logo de ActivaeActivae permite catalogar, buscar e recuperar grandes cantidades de información almacenada no sistema, sexa en formato imaxe, vídeo, audio, etc., e distribuíla a todos os niveis. Trátase dunha plataforma integral, sólida e altamente escalable, que incorpora funcións avanzadas de transcodificación, isto é, permite cambiar o formato dos activos automaticamente desde a propia plataforma. Ademais, Activae incorpora funcionalidades para a implantación de fluxos de traballo, polo que permite adaptarse ás características propias de cada organización.

Unha ferramenta para o sector audiovisual español.
"Debido ao seu deseño modular, Activae concíbese como un aplicativo que pode integrarse en plataformas xa existentes ou servir como punto de partida para aplicativos de novo desenvolvemento, xerando unha oportunidade de negocio para as pemes do sector tecnolóxico español", comentou Manuel Domínguez, responsable do proxecto en CENATIC. De feito, Activae foi desenvolvido en colaboración coas empresas Octality e ATOS Origin, e coa participación do Cluster Audiovisual de Estremadura.

Construído inicialmente para uso interno, CENATIC liberou Activae, e púxoo a libre disposición a través da súa forxa (activae.cenatic.es). A liberación inclúe ademais do código fonte, toda a información e documentación asociada ao proxecto, co fin de que todo o mundo poida contribuír ao crecemento do produto, pois ao ser software libre, calquera desenvolvedor, usuario ou empresa que queira prestar asistencia ou vender servizos asociados a Activae pode achegarse ao proxecto, opinando, consultando ou propoñendo novas funcionalidades.

Domínguez comentou que "a decisión de liberar Activae débese á identificación de numerosas contornas de traballo que manexan información multimedia a diario, e nos que a plataforma pode ser de enorme utilidade, tales como medios de comunicación, compañías de servizos audiovisuais, cadeas de televisión, radio, portais de internet, etc…, pero tamén centros médicos, museos, e unidades similares presentes nas administracións públicas".

A clave de todo iso é que se trata dun produto desenvolvido cunha licenza libre, e por tanto é posible facer todas as modificacións sobre Activae que se desexen, adaptándoo á necesidade da entidade que o vaia a utilizar. "O soporte para novos formatos e funcionalidades personalizadas só se verá limitada pola cantidade de horas de traballo e recursos técnicos que se queiran achegar, xa que o produto é totalmente escalable e está exento do pago de licenzas de ningún tipo", comentou Manuel Domínguez.

Fonte: CENATIC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal