
Openshot é un editor de vídeo non lineal para GNU/Linux que leva certo tempo xa creando expectativa. A orixe deste editor está na man de Jonathan Thomas, usuario de Ubuntu que buscaba un editor de vídeo potente, estable e fácil de empregar. Apenas dous meses despois da publicación da versión 1.0 de OpenShot, os seus desenvolvedores anuncian a dispoñibilidade da nova versión 1.10. Ademais das habituais correccións de erros, inclúe novas e interesantes características así como un gran número de melloras.
O éxito de OpenShot non radica nun amplo catálogo de opcións e menús, senón na inclusión de gran cantidade de efectos e transicións e nun uso intuitivo e sinxelo. A primeira vista, presenta una interface moi semellante á de outros editores de vídeo como por exemplo o coñecido Windows Movie Maker.
Entre a súas características máis importantes atópanse a posibilidade de empregar multitude de formatos de audio, video e imaxe, grazas a Ffmpeg; a capacidade de traballar con formatos de alta definición como HDV e AVCHD; a superposición de imaxes e marcas de auga; edición das pistas de audio e de vídeo, posibilidade de creación de títulos empregando algúns dos modelos que incorpora ou editar un SVG directamente. As melloras que achega a última versión son segundo o seu creador Jonathan Thomas, un arranque máis rápido, mellor rendemento no renderizado despois das edicións, melloras na pantalla de exportación e novas opcións de desfacer / refacer no panel do historial. Ademais agora é posible engadir múltiples copias dos efectos nos clips así como novos efectos. Tamén se traballou na mellora da implementación do formato H.264, da localización, do desprazamento na liña de tempos, na edición dos títulos …
Un aspecto moi importante de cara á facilidade de instalación é que virá incluído no Centro de Software da futura Ubuntu LTS 10.04, de maneira que será posible instalalo cun só clic.
Para descubrir máis detalles sobre esta versión o mellor é consultar as notas do lanzamento na páxina do proxecto. Tamén é interesante ver algúns dos vídeos demostrativos creados polo autor para darse conta das posibilidades deste intuitivo aplicativo.
OpenShot distribúese baixo licenza GNU General Public License (GPLv3) e conta con completo manual de uso, dispoñible para a súa consulta en liña.
Fonte: The H Open Source
