Mancomún

Actualizada a "Guía de iniciación para recién llegados a Blender"

Martes, 1 Decembro 2009
Guía de iniciación a BlenderA próxima versión do coñecido aplicativo de modelado 3D Blender, a 2.5, incluirá importantes cambios. Está a ser redeseñado para ofrecer unha experiencia de usuario completamente renovada.

O proxecto de deseño e desenvolvemento de Blender 2.5 inclúe as seguintes fases:

  1. Redeseñado do xestor de xanelas interno e do sistema de manexo de eventos, ferramentas e datos.
  2. Reescritura do código vello para limpalo e facelo coincidir co novo deseño.
  3. Recuperar ferramentas e editores usando o novo sistema de eventos e operadores.
  4. Redeseñado e implementación de contexto da interface, do fluxo de traballo e e da representación visual
  5. Deseño e implementación da nova API de Python.

Recentemente publicouse a primeira versión alpha do que será finalmente Blender 2.5, que xa inclúe moitos dos cambios que incluirá a versión definitiva.

Pois ben, para reflectir estes cambios que están a ter lugar no aplicativo, Joaquín Herrera Goás (coñecido polo alcume de Joaclint Istgud) adaptou a súa coñecida Guía de iniciación para recién llegados a Blender, un texto que guiará a aqueles que se acheguen por primeira vez ao aplicativo no proceso de aprendizaxe das súas funcionalidades.

Se sentimos curiosidade e queremos comezar a empregar este magnífico aplicativo, esta guía pode ser un punto de partida inmellorábel. Como o mesmo autor di, cando rematemos de lela non saberemos facer animacións, nin videoxogos, nin sequera saberemos modelar realmente. Pero teremos aprendido o suficiente sobre o aplicativo como para comezar a aprender todas estas cousas.

Esta guía pode descargarse en formato PDF, así como consultala na súa versión en liña.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal