- Impartiranse charlas en 138 centros para ensinar aos escolares a navegar por Internet de forma útil e responsable, implicando tamén aos profesores
- Realizaranse máis de 200 xornadas divulgativas sobre o EspazoAbalar para que os pais e as nais lle poidan sacar o máximo partido a este portal
- Os docentes recibirán formación complementaria sobre o uso dos contidos dixitais que pon a súa disposición o Proxecto Abalar
A Xunta de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol), impulsa o coñecemento e a difusión do Proxecto Abalar coa posta en marcha tres iniciativas formativas complementarias dirixidas a pais, alumnos e profesores.
Así o explicaron onte o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, nunha rolda de prensa na que interviñeron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez e e o xerente de Agasol, Luís Alberto Fernández.
Grazas a un acordo asinado entre a Secretaría Xeral de Modernización, o CPEIG e Agasol, levarase a cabo unha nova edición do Plan Navega con Rumbo, unhas xornadas divulgativas para que pais e nais coñezan o espazoAbalar e ofrecerase formación complementaria a docentes sobre os contidos dixitais que pon á súa disposición o Portal Abalar. As tres iniciativas contan cun orzamento de 82.400 euros, que será financiado por Modernización.
O obxectivo do acordo é ofrecer actividades complementarias ás xa previstas no proxecto Abalar, que permitan á comunidade educativa aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles ao seu alcance.
Plan Navega con Rumbo
Especialistas achegaranse a estes centros onde impartirán charlas divulgativas dunha hora de duración nas que se ensinará aos escolares a navegar por Internet de forma útil e responsable, implicando tamén aos profesores. Ademais, esta iniciativa conta cunha web propia www.navegaconrumbo.es, onde está dispoñibles todo a información do proxecto.
Coñece o EspazoAbalar
Coa finalidade de informar aos pais sobre todas as funcionalidades do espazoAbalar, realizaranse unhas xornadas divulgativas sobre este portal para que os pais lle poidan sacar o máximo partido. Paralelamente, realizarase outra xornada destinada aos profesores de cursos Abalar para amosar a utilización deste espazo nas súas clases e na comunicación cos pais. Cada unha destas xornadas terá unha hora de duración e realizaranse un total de 220 repartidas noutros tantos centros públicos Abalar.
Formación Práctica dos contidos Dixitais
A terceira actividade prevista consiste na realización dunhas xornadas que complementen a formación que están a recibir os docentes Abalar. Estas actividades estarán estruturadas en dúas partes, formación técnica que permita aos profesores mellorar no uso das tecnoloxías nas aulas e formación sobre o uso práctico dos contidos dixitais que ofrece o espazoAbalar, e as vantaxes que lles reporta. Esta parte da formación incluirá exemplos prácticos de como impartir unha clase empregando estes recursos.
O material divulgativo destas xornadas, será elaborado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre e será publicado con licenzas libres. Realizaranse un total de sete xornadas cunha duración de 50 horas cada unha.
Balance positivo
Na súa intervención o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo fincapé “na importancia de todo o traballo que se está a desenvolver arredor do Proxecto ABALAR e que está a ter unha gran acollida entre toda a comunidade educativa”. O responsable de Educación destacou “o éxito de iniciativas como o Repositorio de Contidos Dixitais, que está en continuo crecemento, e que ten dispoñibles na actualidade máis de 700 recursos en castelán, galego, francés e inglés. Os recursos dispoñibles acumulan xa preto de 35.000 descargas.”
Vázquez Abad puxo de manifesto a satisfacción da Consellería de Educación pola gran acollida que está a ter o espazoAbalar, a plataforma, creada para fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa. O espazoAbalar, recibiu máis de 50.000 visitas desde a súa posta en marcha e finais de outubro ata hoxe.
Colaboración co sector TIC
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira subliñou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e os axentes do sector tecnolóxico galego no desenvolvemento de iniciativas que, como Abalar, melloran ámbitos de especial relevancia para a sociedade.
Neste sentido, Pereira recordou que “o Goberno galego ve no sector TIC da Comunidade un elemento tractor do resto dos sectores económicos e así o contempla na súa estratexia tecnolóxica 2014.gal Axenda Dixital de Galicia”. “Acordos como o que hoxe presentamos –engadiu- poñen de manifesto o interese da Administración autonómica de contribuír a dinamizar un sector que consideramos clave e co que contamos para integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade”.
Fonte: Xunta de Galicia
