Mancomún

Agasol conclúe mañá en Vilagarcía a súa xira "Software libre contra a crise"

Mércores, 11 Febreiro 2009

Logo AgasolO ciclo de xornadas informativas “Software Libre contra a crise”, ofrecido pola Asociación de Empresas Galegas de Sofware Libre (Agasol) chega á súa fin o vindeiro xoves 12 de febreiro co relatorio que terá lugar na localidade de Vilagarcía de Arousa.  Este periplo, realizado en colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria en virtude  do convenio asinado entre a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información  e Agasol,  culmina un exitoso itinerario polas principais vilas galegas co obxecto de proporcionarlles información ao  empresariado galego sobre as vantaxes das tecnoloxías libres e abertas.

O relatorio, de carácter gratuíto, comezará ás 19,30 horas no auditorio da sede da Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa (Avenida Doutor Tourón, 46) e será impartido por Roberto Brenlla,  economista especializado en tecnoloxías da Información e fundador de Tegnix (unha das 25 empresas que integran Agasol). 

Tras a elevada asistencia ás sesións e o interese suscitado en cidades como Ourense, Ferrol, Santiago e Lugo, por onde transitaron as xornadas en datas anteriores, a Asociación  de Empresas Galegas de Software Libre non desbota extender a iniciativa a outros puntos de Galicia.

Nesta ocasión os empresarios arousáns  poderán ampliar os seus coñecementos sobre o software libre, Linux e os estándares abertos,  e incidir nas súas vantaxes competitivas canto a aforro de custos ou adaptabilidade se refire. Por outra banda, os asistentes obterán información de primeira man  sobre  a orde de axudas que a Dirección Xeral convoca este ano para a promoción e a implantación de software libre entre as empresas galegas. Toda esta información ilustrarase con exemplos aplicados en empresas, institucións ou na Administración. Para rematar, abrirase unha rolda de preguntas e propiciarase o debate, que continuará durante a degustación dun viño galego.

O programa da xornada está dirixido a xerentes, responsábeis de finanzas, de estratexia comercial ou de tecnoloxía da información; pero tamén a persoas interesadas  polo eido das tecnoloxías, en xeral, que desexen coñecer máis de preto o mundo das tecnoloxías e os estándares abertos. 

Fonte: Agasol

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal