AGASOL e a Amtega organizan a xornada colaboraTIC.gal para o vindeiro día 17 de xuño. colaboraTIC.gal, defínense pois como un espazo onde ver, escoitar e amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o tecido empresarial.
Constará de dúas partes diferenciadas. A primeira parte da xornada terá por obxectivo difundir novos modelos de colaboración e traballo entre o eido das tecnoloxías abertas e outros sectores empresariais. Estará aberta ao público en xeral. A segunda parte terá formato de speed-dating e está dirixido a empresas e profesionais con interese en coñecer e explorar novas vías de colaboración empresarial grazas ao software libre. Seleccionaranse 10 empresas do sector TIC e 10 do resto de sectores.
O prazo de inscrición para o speed-dating estará aberto ata o 31 de maio.
O obxectivo desta xornada é que as empresas participantes sexan quen de identificar fontes de innovación en eidos onde non acostuman mirar, que poidan dispoñer dun novo espazo de interrelación e visibilización das súas empresas e proxectos, con enfoques menos tradicionais, máis creativos e innovadores. O resultado esperado é que empresas que non se coñecían entre si manteñan o contacto despois da xornada para desenvolver proxectos conxuntos, e que o Software Libre teña novos referentes sectoriais (sector agrario, industrial, creativo e artístico, etc.) á hora de desenvolver os proxectos, busca de clientes, etc
Como xa se comentou a xornada constará de dúas partes, unha primeira parte, “vén escoitar”, que s centrará na exposición e presentación de boas prácticas no eido da colaboración entre o software libre e o tecido empresarial, e unha segunda parte, “vén falar e intercambiar”, en formato de speed-dating para favorecer encontros entre empresas de diferentes sectores fomentando a apertura de miras á hora de buscar colaboracións, clientes, provedores, etc. sempre en torno ao uso de tecnoloxías libres.
Vén escoitar
A xornada de mañá estará reservada para a celebración de diferentes mesas de experiencias na que se presentarán boas prácticas e casos de éxito de colaboración empresarial tratando temas como As relacións cliente-proveedor, casos de éxito; cooperativismo e swl; modelos alternativos de financiamento de proxectos e modelos de colaboración empresariais e comunidade de swl. O programa definitivo publicarase nos próximos días. A asistencia a esta parte é totalmente gratuíta e está aberta ao público en xeral previa inscrición, condicionada unicamente ao aforo dispoñible.
Vén falar e intercambiar
A xornada de tarde está reservada para o speed-dating para favorecer encontros entre empresas centradas no software libre e outros eidos do tecido empresarial (industrial, deseño, agro-gandeiro, pesqueiro, etc). Só poderán asistir ao speed-dating aquelas empresas/proxectos seleccionados de entre as solicitudes recibidas conforme ás bases publicadas (http://colaboratic.gal/Bases_ColaboraTICgal.pdf).
Por parte do sector das tecnoloxías abertas poden presentarse representantes de empresas galegas (e profesionais autónomos) desenvolvedoras e/ou comercializadoras de solucións en código aberto.
Por parte do resto de sectores (non pertencentes ao sector tecnolóxico en sentido estrito) poden participar representantes de empresas galegas (e profesionais autónomos) de calquera sector que consideren que as tecnoloxías libres poden ser un bo aliado para o desenvolvemento de proxectos e accións conxuntas.
De todas as solicitudes recibidas antes do 31 de maio a través da web da xornada (http://colaboratic.gal/#polatarde) seleccionaranse 10 empresas/proxectos de software libre e 10 empresas/proxectos doutros eidos, que participarán no speed-dating.
Esta xornada forma parte das actuacións que AGASOL desenvolve en colaboración coa AMTEGA ao abeiro do convenio de colaboración asinado para a difusión do software libre en Galicia e forma parte do Plan de Acción en materia de software libre 2016 da Amtega.
