Mancomún

Agasol e Clúster TIC suman forzas para impulsar o crecemento do sector TIC galego

Mércores, 17 Decembro 2014
AGASOL e o Clúster TIC Galicia asinaron onte un importante acordo co obxectivo de sumar as súas forzas para contribuir a mellora da competividade e o crecemento do hipersector galego das tecnoloxías da información e das comunicacións. Foto posterior á sinatura do Convenio entre os presidentes de Agasol e Clúster TIC

En virtude deste acordo, AGASOL e o Clúster pasarán a traballar de forma integrada e coordinada, como se dunha soa organización se tratase, e falarán cunha voz única a nivel institucional, asumindo o Clúster a representatividade no sector de ambas as dúas entidades. O Clúster TIC creará na súa organización interna un grupo de interese de Software Libre, así como un portavoz para esta materia, que participará nas reunións do seu Comité de Dirección. Os socios de AGASOL pasarán automáticamente a selo tamén do Clúster.
Os presidentes de ambas entidades, Xavier Castaño García e Antonio Rodríguez del Corral, respectivamente, asinaron onte un convenio de colaboración de duración indefinida que prevé a converxencia de actividades e o desenvolvemento de sinerxias entre ambas asociacións.

AGASOL manterá a súa xeración de proxectos e actividades, que se farán no seo da estrutura do Clúster e de forma aberta a todos os asociados. Unha comisión paritaria de seguimento velará polo bo desenvolvemento do convenio.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, sinalou que a sinatura do convenio supón “un importante avance de cara a establecer marcos de colaboración entre as entidades do sector que axuden ás empresas a desenvolver produtos e servizos innovadores e con capacidade para aproveitar as oportunidades que ofrecen os mercados. Para o Cluster e para os clientes dos seus socios é importante contar coa experiencia en software libre de Agasol, porque cada vez mais proxectos de cliente, de electrónica ou no ámbito das smartcities ou dos datacenters execútanse total ou parcialmente en software libre”.

Pola súa banda, Xavier Castaño García, presidente de AGASOL, dixo que "este convenio é un paso a diante para Agasol, xa que abre as portas a consolidar o peso específico que o Software Libre ten no no sector TIC galego. Asimesmo, abre unha canle de estreita colaboración co resto do sector que esperamos axude a crecer a implantación e desenvolvemento de Software Libre en Galicia”.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal