Mancomún

AGASOL falará de emprendemento con Software Libre mañá na XGN 13

Venres, 4 Maio 2012

Logotipo de AGASOLUn ano máis o Software libre estará presente na Xuventude Galicia Net. Mañá sábado 5 de maio ás 13:00 horas AGASOL impartirá unha conferencia que leva por nome Emprender da man do Software Libre.

Xavier Castaño, vicepresidente de AGASOL e mais Luis Alberto Fernández, xerente da asociación falarán polo miúdo das oportunidades laborais e de negocio que hai detrás do Software Libre, dos proxectos das empresas que forman parte de AGASOL … Os asistentes a este relatorio poderán obter información de primeira man de como o software libre permite xerar emprego cualificado e de calidade nas empresas galegas, como contribúe á internacionalización e convencelos de que é unha excelente opción para os novos emprendedores e un importante elemento de diferenciación para as empresas xa establecidas.
Xavier Castaño é socio fundador de Igalia, empresa de Software Libre creada no ano
2001. Dende os seus inicios ten desempeñado distintos roles:

  • Desenvolvedor de proxectos en tecnoloxías Gnome.
  • Desenvolvedor en tecnoloxías web.
  • Coordinador de proxectos.
  • Coordinador de área.

Actualmente, desenvolve tarefas de coordinación xeral de Igalia e é administrador da empresa.

Luis Alberto Fernández Marqués, é Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe máis de 10 anos de experiencia no sector das telecomunicacións traballando en empresas como Jazztel ou Vodafone. Actualmente é xerente de AGASOL dende o ano 2008, desenvolvendo tarefas de coordinación de proxectos, planificación, organización e dirección de Agasol así como coordinación dos recursos dispoñibles, humanos, tecnolóxicos, financeiros, etc da asociación.

Ao finalizar a charla ambos representantes de AGASOL estarán dispoñibles para profundar nestes temas no espazo adicado ao Software Libre no stand da AMTEGA na zona da Extranet.

Neste espazo ademais poderán achegarse tanto os participantes na party como os visitantes para coñecer as principais accións de fomento do Software Libre promovidas dende a AMTEGA, así como resolver as súas dúbidas respecto das tecnoloxías libres, das súas vantaxes …

Agardámosvos na XGN.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal