Mancomún

AGASOL mellorará a liberación de software en Galicia

Luns, 14 Maio 2012
  • O Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas -CENATIC- prestará asesoramento xurídico, tecnolóxico e metodolóxico para o desenvolvemento de negocio baseado en software libre no ámbito galego.
  • O presidente de Agasol, Alejandro Escobar, destacou que “o servizo de consultoría que nos ofrece CENATIC a través deste convenio suporá un incremento da calidade no servizo ás empresas e entidades galegas que escollan software libre”

A Asociación de empresas galegas de software libreAGASOL– asinou o sábado 12 de maio un convenio de colaboración con CENATIC -o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas– polo que AGASOL recibirá asesoramento xurídico, tecnolóxico e metodolóxico para a mellora da liberación do software en Galicia.

 Sinatura do Convenio entre CENATIC e AGASOL

A sinatura tivo lugar no marco da presentación da Plan de Acción de Software Libre 2012 por parte da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira coa presencia da Fundación CENATIC a través do seu director xerente, Miguel Jaque, e AGASOL representada polo seu presidente, Alejandro Escobar.
Na súa intervención, o presidente de AGASOL destacou “a importancia do apoio de CENATIC a través dun servizo integral de consultoría, porque reforza en calidade o o peso que ten AGASOL na súa interacción co tecido empresarial galego”.

Escobar lembrou que nos últimos anos a aposta polo software libre en Galicia, a través de AGASOL, está medrando considerablemente, “porque as empresas buscan un modelo de negocio eficiente, adaptable ás súas necesidades, rendible e de alta calidade, e iso no ámbito do software ofréceo unicamente o software libre”. Como resposta a ese servizo que ofrece AGASOL a empresas, cooperativas e diversas entidades galegas, ofertando solucións baseadas en fontes abertas, Alejandro Escobar lembrou que no último ano a contratación de servizos en software libre por medio de AGASOL incrementouse nun 300%.

Neste sentido, dende a Asociación de empresas galegas de software libre destacouse “o enriquecemento cualitativo do servizo que prestará AGASOL co apoio e asesoramento de CENATIC”, que ten entre os seus patronos á Xunta de Galicia. Escobar incidiu en que “para as empresas e entidades que queren mellorar o seu negocio a través de solucións libres e tecnoloxicamente rendibles, é unha grande axuda que poidan recorrer a AGASOL para ter un asesoramento que contribúa a mellorar a súa eficiencia, e isto será agora máis posible grazas á sinatura deste convenio”.

Segundo datos do CENATIC, 3 de cada 4 empresas españolas con máis de 10 traballadores, e 5 de cada 10 microempresas utilizan software libre.

Fonte: AGASOL

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal