Mancomún

Agasol organiza LibreTeo, evento de software, cultura e coñecemento libre

Mércores, 13 Abril 2016

Agasol organiza o evento “LibreTeo, Software libre. Cultura libre. Coñecemento libre” en colaboración co Concello de Teo, Melisa, GALPon, Comunidade O Zulo, Boa idea, Orienta Galicia e Imaxin software.

Imaxe de portada de LireTeo 2016

A filosofía detrás deste evento é achegar ao público de xeito sinxelo os diferentes aspectos da cultura libre. Será posible coñecer xente que traballa ou constrúe software libre; xente que comparte a idea de que a cultura faise entre todos, e gusta de crear e compartir as súas creacións; e xente que comparte os seus coñecementos e desfruta facéndoo convencida de que o coñecemento compartido chega máis lonxe.

O evento terá lugar o 30 de abril no Auditorio da Ramallosa do Concello de Teo.
En palabras da organización, trátase dun evento “centrado na liberdade das persoas e o tremendo potencial que ten a xente cando colabora en proxectos libres. Con propostas e referencias nos sectores do software, a cultura e o coñecemento. Todas as charlas e obradoiros están dirixidos a todos os públicos, cunha linguaxe sinxela e sen tecnicismos”.

Programa provisional

Polo momento o programa aínda é provisional pero conta xa cunha serie de relatorios de interese do ámbito do software libre, cultura libre e coñecemento libre como reza o título da xornada.

  • Edición de vídeo para todos. Iñaki Quenerapú — Boa Idea.
  • Produción musical con software libre Miguel A. Rodríguez Muíños — Melisa e Comunidade O Zulo
  • Imaxes en acción Jorge Lama — Melisa
  • A historia da Kernel de Mugardos Alberto Permuy — Comunidade O Zulo
  • Hackcesibilidade Fátima García Doval — Discapacitodos
  • Distribucións de Linux lixeiras e para cativos Miguel Bouzada — GALPon e Comunidade O Zulo
  • Orienta Galicia: actitude Ubuntu Marta Romeo — Orienta Galicia
  • Software libre nos centros penitenciarios galegos Rafa Gaioso — Melisa
  • Humor e música (peche do evento) Víctor Grande

Ademais haberá obradoiros para toda a familia que aínda non están pechados, pero que contan con anunciar en breve.

A asistencia ao evento é de carácter totalmente gratuíto previa inscrición.

Colaboración

Por outra parte a organización solicita a colaboración da xente a fin de organizar a un grupo de voluntarios/as xa que haberá moito que facer aquel día.

Os interesados en colaborar poden contactar coa organización a través do correo electrónico contacto @ libreteo . org indicando a súa dispoñibilidade durante o 30 de abril e días anteriores.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal