Mancomún

AGESTIC organiza en Compostela unhas xornadas sobre accesibilidade web

Xoves, 22 Xaneiro 2009

Renfe explicou onte, no primeiro encontro, as características da súa nova web e fixo un chamamento a prol da accesibilidade

AccesibilidadeO empresariado e as persoas traballadoras de distintas institucións galegas reuníronse onte en Santiago de Compostela co propósito de procurar un maior compromiso a prol das ferramentas dixitais. O encontro, organizado pola Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), terá continuidade o vindeiro día 28 e 29 deste mes, novamente, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, no que se desenvolverá un seminario a cargo de expertos en accesibilidade.

Estas xornadas están a permitir a empresas procedentes de toda España amosaren os seus casos de éxito en materia de accesibilidade na Rede. Con esta iniciativa AGESTIC tenta animar as entidades galegas, que aínda non se acolleron aos estándares estabelecidos, traballen de xeito individual e conxunto na supresión de todos os atrancos na  Rede que impiden a conexión plena dos colectivos con diversidade funcional.

Renfe, un caso de éxito na migración cara á accesibilidade

Renfe, un caso comunmente coñecido polos problemas derivados da accesibilidade en distintos navegadores, aproveitou onte a súa presenza nas xornadas para dar a coñecer en primicia os detalles de forma e de contido da súa nova web. A xuízo de María Eugenia Fernández, xefa de Sistemas de Colaboración e Comunicación da firma ferroviaria, trátase dunha das “apostas máis decididas do panorama español en materia de accesibilidade”.

A páxina, que estará operativa o mes que vén, significará entre outras cousas a equiparación definitiva de toda a cidadanía no que a igualdade de condicións ante os servizos en liña da empresa ferroviaria atinxe. Isto, con independencia das diversidades funcionais das persoas  explicou a empresa.

Neste senso, a idea de RENFE, sinalou Eugenia Fernández, non consistiu unicamente en cumprir cos requirimentos da Lei de medidas de impulso á Sociedade da Información (que obriga as institucións e ás empresas a cubrir uns parámetros mínimos de accesibilidade), senón en ir alén do que esixe a lei.

A páxina, de especial relevancia nun ámbito estatal, o español, onde hai arredor de catro millóns de persoas con algún tipo de diversidade funcional (das que unhas 250.000 son galegas), significa a xuízo de RENFE unha aposta pola universalidade e a adaptabilidade en dous grandes niveis: o da forma (que é decote o prioritario neste tipo de labores) e o do fondo (que é o nivel que máis se adoita deixar de lado).

Ditou doutro xeito: ao longo dos meses de traballo empregados na liberación de atrancos do espazo web da empresa revisáronse disposicións, presentacións e  formatos (suprimíronse unha chea de ficheiros en pdf, multimedia, flash ou animacións), pero tamén semántica e contidos, co fin de poñelos en orde e adaptalos á realidade actual.

Un exemplo disto último foi a inclusión integral de todas as linguas oficiais no Estado español: “Para nós”, sinalou a xefa de Sistemas de Colaboración, “apostar pola realidade plurilingüe española e por extensión dos viaxeiros e usuarios españois foi tamén un labor de accesibilidade”.

A posta a punto da nova web, que contou coa colaboración e asesoramento de INTECO, órgano para o desenvolvemento das redes presente na xornada de AGESTIC, requiriu a participación de todo o persoal da empresa ferroviaria con relación máis ou menos directa co seu espazo en liña.

Fonte: Código Cero

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal