A asociación AGNIX fai un chamamento aos seu membros, dende a súa páxina web para reunirse oficialmente en asemblea, a cal terá lugar o vindeiro sábado día 12 de decembro na casa rural “Casa de Amancio”, que está situada en Vilamaior (Lavacolla).
Nesta asemblea os membros de AGNIX tratarán diversos temas relacionados coa asociación, ademais de propoñer unha nova xunta directiva. Todos os que desexen asistir a esta asemblea, deben poñerse en contacto previamente para reservar sitio co presidente da asociación, Manuel Hermo, a través do enderezo de correo electrónico que se especifica dende a agnix.org na nova orixinal.
Este evento rematará coa degustación dun “hack-cocido”, o cal será unha boa ocasión, segundo a asociación, para compartir coñecementos, inquietudes, risos e amizade.
AGNIX é unha asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego e constituída por persoas con inquietudes no eido da implantación do Sw Libre.
Ten como finalidade a formación e divulgación do Software Libre coma medio para acadar a Alfabetización Tecnolóxica e Informática galega, eliminando no posíbel a actual fenda tecnolóxica. Por iso, fixo durante anos e, agora moi de cando en vez, unha distribución "GNU/Linux para o pobo" que é coñecida como GNIX.
No seu día, aló polo 2005-06, decidiu procurar reforzos en tódolos GUGLs (Grupos de Usuarios de GNU/Linux) e, tralo ofrecemento xeral, acadou acordos con GLUG, AULUSC, GALPon e A Casa Encantada. Isto xunto a unha máquina exclusiva mercada por AGNIX e aloxada no CESGA permitiulle traballar de xeito colaborativo.
