Mancomún

Alfresco, nova aplicación dispoñible no CDTIC Virtual

Venres, 11 Novembro 2016
  • Dende esta semana as persoas ou empresas interesadas poderán probar este xestor documental e coñecer as súas características a través do CDTIC Virtual
  • Para acceder a este servizo só é preciso rexistrarse como profesional ou empresa na web do CDTIC

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía a oferta de aplicacións libres no seu servizo de CDTIC Virtual coa incorporación do sistema de xestión documental Alfresco.

Esta solución de software libre vén a cubrir esa necesidade que teñen tanto as pequenas como as grandes empresas de atopar axiña a información que precisan sobre o seu negocio. Un xestor documental axuda a mellorar a produtividade na empresa sendo unha ferramenta capaz de centralizar e controlar o fluxo da documentación.

Alfresco: Xestor documental de Software Libre

Alfresco é un Xestor de Contidos Empresarial (ECM) que entre outras funcionalidades inclúe unha completa solución de Xestión Documental que automatiza a captura, xestión, almacenamento e preservación de contidos e documentos dixitais relacionados cos procesos da organización. Todo elo a través dun navegador web e unha interface amigable e intuitiva. Trátase da solución de xestión documental líder do mercado en software libre.

Alfresco é un aplicativo multiplataforma cun alto grao de modularidade e escalabilidade. Ademais intégrase con outras tecnoloxías existentes nunha organización, como LDAP, MS Office, LibreOffice, Outlook ou Thunderbird. O seu modelo aberto fai que as contribucións da comunidade configuren un produto moi competitivo e en continua evolución e mellora.

Ademais da Xestión Documental, Alfresco cobre moitas outras funcionalidades de xestión empresarial como a Xestión de Contidos Empresariais, Traballo Colaborativo, Xestión de rexistros, Xestión do coñecemento, Xestión de contidos Web e Xestión de imaxes.

Centro Demostrador TIC Virtual

O servizo de CDTIC Virtual, ofrece ás empresas, organizacións e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas.

Na actualidade, son xa 6 as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual que calquera persoa ou entidade pode probar: ownCloud, Xeshostal, Odoo, CiviCRM, Prestashop e Alfresco.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como profesionais ou empresas na web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou aplicacións que lles interesen.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal