Mancomún

Alternativas libres para a edición colaborativa de documentos

Luns, 13 Xullo 2015

Captura de pantalla de uso de Documentos owncloudHoxe en día, existe unha crecente demanda de solucións para a edición colaborativa de documentos dada a alta dispersión xeográfica de moitos equipos de traballo grazas á universalización do uso de internet para as comunicacións.

No noso traballo diario, nalgún momento ou noutro, seguramente verémonos na necesidade de traballar con outra xente na supervisión, corrección, validación, aprobación, etc. de diversidade de documentos. Unha das solucións aínda máis empregadas hoxe en día é o uso do correo electrónico e repetidas iteracións ata acadar o documento final.

Nos últimos tempos xurdiron solucións de edición en liña como por exemplo Google Docs que permite co-edición en tempo real e o almacenamento na nube. Mais isto adoece dun problema da falta de seguridade e confidencialidade dos nosos datos xa que saen fóra do noso control. Están almacenados en servidores fóra da nosa empresas e mesmo fóra do noso país e polo tanto probablemente á marxe das leis de protección de datos.

Gobby, Etherpad, EtherCalc, OnlyOffice e OwnCloud son diferentes solucións que nos permiten coeditar documentos en liña, de maior ou menor complexidade, e todas elas con licenza libre. Como sempre, a elección dunha ou outra alternativa dependerá das nosas necesidades.

Gobby

Captura de pantalla de uso de GobbyGobby é un editor de documentos de texto que permite edición colaborativa en tempo real. Permite a edición de múltiples documentos nunha mesma sesión e conta cun chat multiusuario. As sesións e a edición de documentos poden estar protexidas por contrasinal se é preciso por razóns de seguridade. Permite tanto crear documentos novos como editar documentos xa existentes, conta con función de autogardado e funcións de busca e reemprazo avanzados.

Trátase dunha solución cliente – servidor multiplataforma, dispoñible tanto para Windows como para GNU/Linux como para Mac OS. É unha moi boa solución para a coedición de documentos de texto plano, mais se precisamos de capacidade para darlle formato ao documento non é a solución máis adecuada.

Existe un servidor de demo ao que é posible conectarnos unha vez instalado a aplicación cliente no noso equipo para probar o funcionamento antes de proceder a instalar un servidor propio.

Etherpad

Captura de pantalla de uso de EtherpadEtherpad é un editor de documentos colaborativo baseado na web, que permite deixar comentarios e interactuar con outros usuarios a través do chat integrado.

A diferencia do anterior, ademais de que está baseado na web e polo tanto non é preciso instalar unha aplicación cliente específica, incorpora tamén características básicas de formateado de texto como tipo e tamaño da fonte, cor, estilo e aliñación do texto. É posible inportar un documento existente no Etherpad ou exportar o documento creado en formato HTML, markdown, texto plano; permite tamén imprimir o documento.

Existen servidores públicos dispoñibles para traballar ou probar as funcionalidades, como piratepad.net, ou pódese instalar un servidor propio.

EtherCalc

EtherCalc é similar ao anterior pero para a edición básica de follas de cálculo colaborativamente. Pódese probar en ethercalc.org

OnlyOffice

Captura de pantalla de uso de OnlyofficeOnlyOffice é unha suite ofimática multifuncional en liña que permite a edición colaborativa de documentos de texto, follas de cálculo e presentacións dende o navegador. Inclúe características similares a MS Office e permite coeditar e engadir comentarios en tempo real.

É posible instalar o servidor da aplicación para o seu uso ou ben probar as algunhas das súas funcionalidades na versión gratuíta que ofrecen na nube, aínda que esta versión de demo non ten todas as funcionalidades como a inclusión de comentarios en tempo real.

Dende o punto de vista de respecto aos estándares abertos non é unha solución recomendable, xa que só traballa co formato docx e aínda que permite importar documentos no formato aberto .odt para a edición dos mesmos é preciso que os converta primeiro a docx.

Documentos ownCloud

Captura de pantalla de uso de Documentos owncloudFinalmente mencionamos a solución de edición de documentos en OwnCloud. Trátase dunha solución libre de compartición de ficheiros na nube que ademais conta coa funcionalidade de edición colaborativa de documentos en formato .odt dende o navegador web. Tamén admite documentos en formato .doc e .docx previa conversión interna a odt. Polo momento non ten capacidade para editar colaborativamente follas de cálculo ou presentacións.

Pódese compartir documentos entre os usuarios da nosa nube owncloud, ou ben compartir os ficheiros externamente a través dunha ligazón pública, podendo ademais establecer un contrasinal e mesmo indicar unha data de expiración para o acceso compartido ao documento se fose necesario.

Na última versión Owncloud 8.1, recentemente publicada, incorpóranse melloras na edición colaborativa. Realmente a edición colaborativa de owncloud basease no proxecto Webodf, que son os mesmos que publicaron o complentemo para Firefox, que permite visualizar documentos odf directamente no navegador sen necesidade de dispoñer dunha suite compatible instalada no noso equipo.

Aproveitamos para lembramos que a aplicación ownCloud é unha das solucións que é posible probar a través do Centro Demostrador TIC Virtual sen máis que rexistrarse previamente como usuario do CDTIC e solicitar unha proba dun despregue de owncloud durante 15 días para o uso particular e exclusivo. Así poderá libremente avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades desta solución.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal