Mancomún

Ampliado o prazo de inscrición para a Libre Software World Conference 2012

Luns, 8 Outubro 2012
  • Máis de 300 persoas están inscritas para asistir á Libre Software World Conference.
  • Dada a boa acollida de público a organización decidiu ampliar o prazo uns días máis, ata o próximo 12 de outubro.
  • Xa está dispoñible o programa definitivo para os días 18 e 19 de outubro, que como novidade inclúe un Espazo Comunidade para o encontro e debate das Comunidades de Desenvolvedores asociadas a Aplicacións liberadas pola Administración Pública en España.

Logo da LSWCEn 10 días dará comezo a III Libre Software World Conference na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

A Asociación de empresas galegas de software libre, AGASOL, co apoio da Federación Nacional de Empresas de Software Libre, ASOLIF, está a facer un gran esforzo para que conseguir que esta conferencia sexa un gran fito dentro dos eventos de Software Libre con carácter empresarial, e que este éxito sexa así para todo o ecosistema do Software Libre galego, empresas, voluntariado, educación, cidadanía, administración pública … Un dos obxectivos é que este foro serva para amosar o traballo, o coñecemento e a potencialidade dos distintos actores do Software Libre en Galicia.

Máis de 300 persoas teñen xa feita a súa inscrición para asistir a este evento de carácter internacional, onde terán a oportunidade de coñecer experiencias, proxectos, avances, casos concretos, foros de discusión … relacionados coas tecnoloxías do software libre pero tamén coa compoñente social e colaborativa do mesmo.

Dada a boa acollida de público que está a ter o evento, a organización decidiu ampliar uns días máis o prazo de inscrición para que ninguén quede fóra. Así ata o vindeiro día 12 de outubro é posible inscribirse para asistir á LSWC-12. A asistencia é totalmente gratuíta, só é preciso inscribirse a través da web aos efectos de control do aforo e dimensionamento dos diferentes espazos.

Programa definitivo da LSWC

Xa está dispoñible na web da Libre Software World Conference o programa definitivo para xoves 18 de outubro e o venres 19 de outubro.

Ademais das xa coñecidas sesións plenarias impartidas por persoas de referencia e gran relevancia mundial como Bruce Perens, creador da definición de Open Source Definition e cofundador da Open Source Initiative (OSI), Chris DiBona, director de Open Source para Google, Mountain View, Christian Felber: Especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiros, Corinto Meffe: Director de integración de sistemas no Ministério do Planejamento, Orçamento e Gestão, Fernando Botelho, Fundador de F123, grupo que deseña proxectos co obxectivo de reducir a pobreza e mellorar o acceso á tecnoloxía ou John Sullivan, director executivo da Free Software Foundation, o programa incorpora unha gran variedade de ponencias e mesas debate sobre temas e proxectos que abranguen diversos ámbitos e perspectivas das tecnoloxías libres distribuídas en tres liñas principais: Cidadanía, Empresas e Administracións Públicas.

Ademais como novidade inclúese o Espazo Comunidade, foro no que será posible coñecer o que fan e como é posible participar nas Comunidades de Desenvolvedores asociadas ás Aplicacións liberadas pola Administración Pública en España. Aquí encontrarase aos dinamizadores e managers das comunidades como @firma, OpenDNIe, XBRL, PALS, Linex, Proyecto AMA de migración a Bases de Datos Libres, …

Na liña dirixida á Cidadanía destaca a importancia do Software Libre no ámbito educativo, divulgativo e social onde haberá, entre moitas outras, charlas como:

  • Protección de obras e contidos de Software Libre. Thaïs Tarragó Van Wijk. Lener.
  • Arte con formas xeométricas usando Geogebra e Blender. Manuel Díaz. Igaciencia.
  • Wikipedia, Wikimedia e o coñecemento libre. Jorge Antonio Sierra Canduela. Wikimedia España.
  • Liberando o teu Android. FSFE. Torsten
  • Presente e futuro de KDE. José Millán Soto. KDE España.
  • Teaching Free Software. Juan José Sánchez Penas. Igalia
  • OSGeo, OSGEO-es e Geoinquietos. OSGEO LiveDVD. Nacho Varela e Micho García
  • Proxecto Trasno. Miguel Blanco. Trasno.

No foro máis específico para o Sector empresarial presentaranse proxectos relacionados coa xestión de procesos e ferramentas de traballo colaborativo, xestión empresarial, telefonía IP, software libre na nube, opendata … onde entre outras podemos destacar presentacións como:

  • Profesionalización da xestión empresarial con Software Libre: Sugar CRM. Rodrigo del Solar. Irontec.
  • Telefonía IP con Software Libre: Aforrando en tempos de crise. Rodrigo del Solar. Irontec.
  • Mesa redonda: “O ERP, a ferramenta para calquera peme” con representantes de OpenBravo, OpenERP e Eneboo ERP.
  • Exchange Exchange with something better! Torsten Grote. Free Software Foundation Europe.
  • LibrePlan Open Web Planning. Javier Morán. Igalia.
  • Mesa redodna “OpenData” coa participación de María José García Sexto, Directora de Área de Modernización das Administracións Públicas. AMTEGA. Xunta de Galicia. Jorge Rocha. Presidente de OSGeo Portugal Local Chapter e membro de OpenStreetMap, Alejandro Marín, Responsable EIEL da Deputación de Pontevedra e Martin Alvarez Espinar, experto Open Data de CTIC e Responsable da Oficina para España de W3C. Fundación CTIC.
  • Solucións Open Source para a gran empresa con OpenERP Plus. Alberto Barrionuevo. Opentia.

Finalmente na liña adicada á administración pública e institucións haberá diversas mesas redondas moderadas por CENATIC.

  • Mesa redonda "Espazo Eficiencia presupostaria" moderada por Manuel Velardo Director Xerente de Cenatic e coa participación de Mar Pereira: Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Carlo Daffara, Consultor Open Source de carácter internacional, Júlio Cezar Neves: Asesor do presidente do Servizo Federal de Procesamiento de Datos (Serpro) do Gobierno de Brasil e Sofía Bellés: Directora Xeral de TIC da Generalitat Valenciana.
  • Mesa redonda: "Políticas de liberación e reutilización de Software nas AAPP" moderada por Manuel Velardo Director Xerente de Cenatic e coa participación de Yolanda García Ulla. Directora de Área de Sociedade Dixital. AMTEGA. Xunta de Galicia, Serafín Olcoz. Director Xeral de Informática e Telecomunicacións do Goberno Vasco, David Olmos, Presidente de Asolif e Alfredo Caballero. AldaTIC.
  • Mesa redonda “Distribución rexionais sobre GNU/Linux” coa participación de Abalar. Carlos Váquez, Director de solucións tecnolóxicas sectoriais da AMTEGA, Xunta de Galicia, Linex, Miguel Angel Rodríguez. Responsable de capacitación y certificación. Cenatic e Lliurex, Sofía Bellés. Directora General de TIC da Generalitat Valenciana.

Ademais doutros relatorios de experiencias no uso do Software Libre en Galicia ou no Brasil.

Recomendamos a consulta da programación completa tanto do xoves 18 de outubro como do venres 19 de outubro na web do evento, para coñecer o detalle da mesma.

Lembramos que a asistencia ao evento é de carácter gratuíto, aínda que por cuestións de seguridade é obrigatoria a inscrición a través da web habilitada ao efecto.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal