Todos aqueles estudantes do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias dos anos académicos 2010-2011 e 2011-2012 teñen aínda ata o día 18 de Novembro para presentar a súa candidatura ao premio.
O premio está dotado con ata 2.300 euros a repartir en tres categorías, primeiro premio, accésit e mención especial, que concederá a Asociación Cultural Trasno á promoción da lingua galega nas Tic ao proxecto en software libre no que se traduza, localice, internacionalice ou se difunda a lingua galega.
Os requisitos que deben cumprir os proxectos para seren admitidos ao premio son:
- Ter sido realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
- Ter publicado o software desenvolvido durante o PFC cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.
Os pasos necesarios para inscribirse no premio son moi sinxelos:
- Dar de alta o proxecto na forxa de mancomún no tópico “Concursos > Premio ó mellor PFC con Software Libre > 2012”
- Entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto. A memoria deberá publicarse na sección Documentos do proxecto na Forxa
- Darse de alta na lista de correo do premio onde se resolverán todas as dúbidas que poidan ter os participantes, así como para coordinar o acto de resolución do premio.
- Cubrir o formulario de inscrición
Todos os interesados en participar poden consultar toda a información en detalle na páxina do premio dentro do portal mancomún ou poñerse en contacto coa oficina de coordinación FLOSS da Xunta de Galicia.
Este premio conta co patrocinio da empresa Igalia e da Asociación Cultural Proxecto Trasno, e coa participación e colaboración das tres universidades galegas, de AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre 2012 da Xunta, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega. Trátase con isto de premiar a labor dos universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.
