Ándago, unha das compañías líder de España no desenvolvemento de solucións de código aberto para a Administración pública, presentou recentemente na Feira de Valladolid, os días 28, 29 e 30 de maio, a primeira plataforma tecnolóxica e xurídica para a xestión de contratos nas AA.PP.
Trátase de Open Licita, unha innovadora plataforma que garantiza a total interoperabilidade con sistemas e aplicativos transversais, todo dentro dun marco de seguridade e transparencia no proceso de licitación nos circuítos electrónicos tradicionais.
Con esta tecnoloxía, desenvolvida por Ándago, proporciónaselles a todas as administracións un contorno completo, áxil e sinxelo que simplifica e optimiza todos os procedementos administrativos que supón unha licitación pública e a xestión de expedientes asociados.
Baixo esta definición, Open Licita configúrase como a primeira solución completa para a xestión de contratos nas AA.PP., comunicando e poñendo en relación aos diferentes actores que interveñen na tramitación dun contrato público: perfil do contratante, rexistro de licitadores, mesas de contratación, publicacións nos boletíns oficiais, etc…
Actualmente, estanse levando a cabo diferentes experiencias piloto en concellos e deputacións provinciais, que se prestaron para a avaliación e análise do prototipo inicial, entre eles os concellos de Getafe, Toledo e Coslada.
Vantaxes de Open Licita
Open Licita ofrece as seguintes vantaxes para a Administración pública:
- Interoperabilidade con servizos doutras Administracións: CCAA, @afirma, Red.es, ACCV…
- Marco de integración seguro e fiábel
- Tramitación e seguimento completo de expedientes desde o seu inicio ata o último proceso.
- Infraestrutura tecnolóxica e xurídica para o cumprimento da LCSP (Lei 30/2007, de 30 de outubro, de contratos do sector público: contratos menores, negociados, concursos públicos, subhastas, contratos harmonizados, etc.
- Realizado con código de fontes abertas e cos principios do software libre.
Open Licita é un proxecto financiado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (MITyC), a través do Plan Avanza I+D. Parte dunha iniciativa liderada por Ándago Ingeniería e o gabinete xurídico esPublico como parte da política común de ambas compañías de fomento e desenvolvemento de solucións técnico-xurídicas para a Sociedade da Información.
Fonte: Ándago
