Mancomún

andLinux: executar aplicativos de Linux dentro de Windows

Xoves, 15 Outubro 2009

andLinuxO proxecto andLinux consiste nun sistema Linux completo (Ubuntu) executándose de xeito fluído dentro de sistemas baseados en Windows 2000 (2000, XP, 2003, Vista e 7, nas versións de 32 bits soamente). Este proxecto emprega coLinux, un port do núcleo Linux que permite a súa execución conxuntamente con outros sistemas operativos. Isto permite executar practicamente calquera aplicativo escrito para Linux dentro dun sistema Windows sen apenas modificacións.

O proxecto conta con dúas versións: andLinux KDE e andLinux XFCE. Cunha instalación de andLinux obteremos:

  • Un sistema Linux plenamente funcional (aínda que sen o clásico escritorio, empregarase o de Windows).
  • Un segundo panel (por exemplo, na parte de arriba da pantalla), ou un sedundo “menú de inicio” na área de notificación, xunta o reloxo, dende os que se poderán lanzar os aplicativos de Linux.
  • Poderanse executar aplicativos de Linux e de Windows á vez, podendo incluso copiar e pegar textos entre eles.
  • apt ou Synaptic para poder instalar máis aplicativos

En realidade, pódese escoller que método empregar para lanzar os aplicativos de Linux: o panel de XFCE ou o que eles chaman o “andLinux Launcher”, o lanzador de andLinux, que ofrece a posibilidade de ter:

  • Iconas para aplicativos Linux no panel de inicio rápido de Windows
  • O segunto “menú Inicio” xunta o reloxo
  • As coñecidas como “extensións para Explorer”, elementos do menú contextual de windows que permitirán cousas como abrir cartafoles no xestor de ficheiros de Linux, ou nunha terminal, abrir ficheiros no editor de textos de Linux, etc.
  • andCmd.exe, un aplicativo que permitirá incluír ordes de Linux en scripts de windows.
  • Asociacións de tipos de ficheiros. Isto permitirá configurar, por exemplo, ficheiros de KOffice para que se abran con KOffice, que os ficheiros .pdf se abran empregando evince…

O grao de integración que se pode ver nas capturas de pantalla da páxina do proxecto resulta realmente abraiante.

Este proxecto pode resultar de grande utilidade para todos aqueles que queiran dar os seus primeiros pasos no mundo do software libre, ou para aqueles que non queiran perder os seus aplicativos favoritos cando están a empregar un sistema distinto. Pódense descargar as dúas versións do proxecto (KDE e XFCE) dende a páxina de descargas de andLinux.org. Nesta outra páxina podemos atopar axuda e instrucións para a súa instalación.

E, na páxina de preguntas frecuentes, temos as instrucións para poder empregar andLinux nun idioma distinto ao inglés. Esas instrucións, para o galego, resumiríanse así:

  • locale-gen gl_ES.UTF-8
  • engadir unha liña ao ficheiro /etc/environment que conteña "LANG=gl_ES.UTF-8"
  • apt-get install language-pack-gl
  • apt-get install kde-i18n-gl koffice-i18n-gl kile-i18n-gl (se empregamos a versión de KDE)
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal